Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

A Mariña Lucense amosa os seus encantos en Fitur

Por 20 Xaneiro, 2023Xaneiro 21st, 2023Sin comentarios

A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense presentou en Fitur a nova campaña de promoción do xeodestino Descubre A Mariña Lucense. Vive o norte de Galicia diante de autoridades, turoperadores, prensa especializada e profesionais do sector. 

Na presentación abordáronse as principais accións que se están a desenvolver no marco do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña Lucense que está tendo lugar na actualidade.

Ademais visionouse o vídeo que marcará o inicio dunha nova campaña deseñada tras o éxito de Volve a encontrar o Norte. Visita A Mariña Lucense, coa que se viña promocionando o destino nos últimos dous anos.

A nova proposta quere subliñar os atractivos e a variedade de recursos cos que conta o territorio, e reivindicar eses atributos que fan da Mariña un destino absolutamente único en Galicia, contando en primeira persoa catro experiencias vividas que poñen de manifesto ese extraordinario plus de singularidade que define a esta comarca….” segredos que queremos que os viaxeiros descubran, vivan e compartan”.

VIVEIRO

O Concello de Viveiro está presente un ano máis en FITUR, a Feira internacional de Turismo en Madrid, para promocionar o seu patrimonio histórico e natural co obxectivo final de consolidalo como un destino de calidade, sostible e variado na súa oferta durante todo o ano.   

A alcaldesa de Viveiro foi precisamente a encargada de intervir en nome da Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense na presentación desa tarde da nova campaña turística: “Descubre A Mariña Lucense. Vive o norte de Galicia” ante as diferentes autoridades, turoperadores, axencias minoristas, a prensa especializada e os profesionais do sector. 

No acto, que tivo lugar no stand de Turismo de Galicia, María Loureiro estivo acompañada por representantes da Xunta, do presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, así como de varios rexedores dos concellos da provincia lucense. 

A nova campaña da Mancomunidade busca incrementar o recoñecemento do destino turístico da Mariña, principalmente a nivel nacional co obxectivo de subliñar a variedade e calidade dos recursos e servizos turísticos dos diferentes concellos. 

Entre as diferentes promocións que levou a cabo en FITUR a delegación viveirense estivo a da súa Semana Santa como integrante da ‘Red Europea de Celebraciones de Semana Santa y Pascua’, que presentou precisamente en Madrid o II Congreso Europeo, que terá lugar o 2 e 3 de marzo na cidade italiana de Palermo.     

 A Semana Santa de Viveiro está considerada como a mellor de Galicia e do norte de España pola súa riqueza en imaxes, moitas delas articuladas, e a antigüidade patrimonial. “Supón unha dos nosos signos de identidade e un dos recursos turísticos máis importantes da nosa vila, e de aí que formemos parte dende marzo de 2019 desta Rede co obxectivo de conseguir o primeiro Itinerario Cultural Europeo de Celebracións de Semana Santa e Pascua”, subliña a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro. 

TRABADA

No contexto post-pandemia actual, os destinos de natureza e desconexión son moi demandados, polo que os turistas valoran a aposta de concellos como Trabada pola contorna natural e as actividades ao aire libre.

“Desde o concello apostamos pola promoción de Trabada e dos seus recursos: patrimonio natural, actividades ao libre e no río Eo, gastronomía, descanso e o Camiño do Norte a Santiago”, explica a alcaldesa, Mayra García Bermúdez.

Para fortalecer e ampliar esta oferta e os servizos para os turistas, neste mandato inaugurouse o Museo Etnográfico José Rocha, no que se sitúa a Oficina de Turismo na que hai contratado un técnico de turismo, o albergue municipal de San Xiao e o espazo para autocaravanas.

RIBADEO

A delegación ribadense contou que “estamos observando o elevado interese que estes profesionais amosan polo produto turístico que lanzamos nestes días, que denominamos Mareas vivas nas Catedrais e que vai permitir a quen nos visita gozar desta praia, que funciona como o noso emblema internacionalmente, dunha maneira diferente, máis sosegada, e rematar no casco urbano de Ribadeo para disfrutar de todos os seus encantos, dos seus establecementos e da súa hostalería”.

BURELA

 Burela promocionou a Feria do Bonito en Fitur este mediodía. O encargado de enxalzar esta festa de interese turístico nacional foi o alcalde, Alfredo Llano. 

O rexedor referiuse á consecución desa distinción en 2019: “tivemos moito interese tanto desde o Concello como desde a propia asociación Ledicia, e incluso todo o pobo dalgunha maneira botou unha man”

Llano lembrou que a Feira do Bonito naceu no ano 1983 e aludiu á cantidade de voluntarios que traballan para que esta cita estea ben atendida, con toda a calidade que aporta”. 

O alcalde burelés subliñou a calidade deste peixe e o tratamento que recibe: “péscase respectando o medio ambiente e a especie”. 

Alfredo Llano aproveitou a ocasión para facer promoción turística de Burela: “temos gastronomía, temos praias, temos actividades culturais… Burela é un pobo atractivo, que ten moitas posibilidades para atender a moita xente e que aquí ninguén é considerado de fóra senón que se integra inmediatamente no ambiente da nosa vila”.

O rexedor fixo un balance moi positivo do acto celebrado este mediodía na Feira Internacional de Turismo en Madrid. 

XUNTA DE GALICIA

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe no expositor de Galicia en Fitur na presentación da campaña “Descubre A Mariña lucense. Vive el Norte de Galicia”, organizada pola Mancomunidade de Concellos da comarca para promocionar o xeodestino.

Arias destacou os datos alcanzados entre xaneiro e novembro do pasado ano, cando se rexistraron na comarca mariñá 155.500 viajeros (case un 19% más que no 2021) e se incrementaron nun 17% as pernoctacións. Así mesmo, subliñou que o Camiño Norte ou da Costa “superou con nota o seu primeiro Xacobeo desde que foi declarado Patrimonio da Humanidade no 2015”; preto de 30.500 peregrinos elixiron esta ruta neste dobre Ano Santo.

BARREIROS

O Concello de Barreiros presentou en Fitur a súa oferta dun turismo de natureza e tranquilidade para desfrutar en familia ou con amizades. A alcaldesa, Ana Ermida, explicou que “se deu continuidade a unha liña de traballo da difusión turística na que se leva uns anos traballando. Apostando por un turismo de natureza, respectuoso co entorno e que pon en valor o territorio e os produtos locais.” Desde o Concello preténdese que “quen ven a Barreiros non quede só coa imaxe de praia ao uso, senón que queremos ampliar visións e convidamos a desfrutalas tamén desde outros prismas.”

“A xeoloxía, as aves ou a vexetación da costa teñen un potencial inmenso que debemos protexer e promocionar como un recurso máis, sempre poñendo o foco no respecto e a conservación do medio”, sinalou.