Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

A Mancomunidade fai un balance “moi positivo” do seu paso por Fitur

Por 24 Xaneiro, 2023Sin comentarios

A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense volveu a estar presente en Fitur do 18 ao 22 de xaneiro onde mantivo reunións de traballo, presentou a nova campaña turística: Descubre A Mariña Lucense. Vive o norte de Galicia ante autoridades, turoperadores, prensa especializada e profesionais do sector ao mesmo tempo que puido coñecer casos de éxito e tendencias actuais.

No acto, que tivo lugar o xoves 19, participou a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro García, por delegación do presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto, quen tivo que disculpar a súa ausencia por motivos de axenda municipal, José Tomé, presidente da Deputación de Lugo, e Javier Arias, delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo.

Nesta presentación que estivo chea de público, abordáronse as principais accións que se están a desenvolver no marco do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña Lucense que está tendo lugar na actualidade, “estase traballando nos cinco eixos do Plan, con avances no reforzo da entidade de xestión; o impulso á participación dos axentes do sistema turístico; a mellora da sinalización; a revisión da arquitectura de marca e desenvolvemento da estratexia de marketing; e o reforzo ás infraestruturas, produtos e experiencias sostibles. Todo isto está a motivar diversos proxectos tales como: a creación dunha oferta cultural estruturada en torno á figura do famoso Mariscal Pardo de Cela, que dará lugar á posta en valor dunha extensa ruta e a creación dun Centro de Interpretación de referencia; un plan operacional do turismo de natureza na Mariña estimando o tratamento diferenciado de produtos estrela no territorio tales como o surf, o birding, o xeoturismo ou o senderismo e a BTT con eventos deportivos relacionados, e outras accións para posicionar a comarca como un destino de natureza-activa prioritario en Galicia”.

Desde a Mancomunidade explican que “estase abordando a validación do trazado e sinalización do Camiño do Mar para impulsalo en base a feitos históricos, consenso e seguridade, e comunicalo como unha alternativa de peregrinación a Santiago;  impulsouse o produto cultural Ruta Indiana de Ourol para potenciar e visibilizar un feito histórico e cultural indiscutible no destino; e continúanse fortalecendo produtos e marcas propias como é o caso do Turismo Slow Norte de Galicia, que tan ben representa os valores que queremos transmitir ou as audioguías ficcionadas da Mariña Lucense -proxecto singular e diferenciador aplicado ao noso patrimonio-”.

En Fitur tamén se proxectou o vídeo que marca o inicio dunha nova campaña deseñada tras o éxito de Volve a encontrar o Norte. Visita A Mariña Lucense, coa que se viña promocionando o destino nos últimos dous anos. O vídeo está tendo unha magnífica acollida, xa que dende o xoves acumula cerca de 28.000 contas alcanzadas nas diferentes redes sociais de Turismo da Mancomunidade. (https://www.youtube.com/watch?v=0U42AzZv7Gs&t=4s)

A nova proposta quere subliñar os atractivos e a variedade de recursos cos que conta o territorio, e reivindicar eses atributos que fan da Mariña un destino absolutamente único en Galicia, contando en primeira persoa catro experiencias vividas que poñen de manifesto ese extraordinario plus de singularidade que define a esta comarca…”segredos que queremos que os viaxeiros descubran, vivan e compartan”.

A campaña, que en Fitur estivo apoiada por material impreso en formato postal das catro declaracións que integran o vídeo, será executada durante os próximos meses a través de diversos medios convencionais e dixitais e ten por obxectivo incrementar o recoñecemento e notoriedade do destino ao tempo que reforzar o posicionamento da Mariña na mente do cidadán, principalmente a nivel nacional.

Durante os días profesionais da Feira Internacional de Turismo do 18 ao 20, o ente supramunicipal participou en diversas reunións con operadores turísticos nacionais xenéricos e especializados en turismo de natureza, Camiño de Santiago, viaxes a medida e slow co obxecto de presentarlles os recursos, produtos e servizos turísticos do xeodestino, para favorecer a inclusión da Mariña Lucense nos seus programas. Estes operadores mostraron moito interese polo destino, demandando ser informados das diferentes novidades e avances que se realicen nestes meses e destacando outros as conexións aéreas a aproveitar co sur de España, público que demanda o norte de España. Tamén se realizaron encontros con empresas e profesionais de sector para coñecer novidades en diversos ámbitos e casos de boas prácticas noutros destinos coa posibilidade a aplicar no territorio.

Os visitantes de Fitur 2023 puideron atopar información turística sobre A Mariña Lucense e os distintos concellos no módulo provincial de Lugo no stand de Turismo de Galici, sito no pavillón 9 do recinto feiral de Ifema ata o pasado domingo 22 de xaneiro.