Skip to main content
Cultura AMARIÑAXAFoz

José Carlos Paleo, ACIA Foz: “Temos un variado tecido comercial no que atopamos todo”

Por 22 Xaneiro, 2023Decembro 18th, 2023Sin comentarios

José Carlos Paleo é o presidente da Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos.

Por Ana Somoza López.

Que é AciaFozCCA?

É a Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Foz, e foi constituída no ano 1988 cunha clara finalidade, a de impulsar a actividade empresarial, especialmente a adicada ó pequeno comercio.

Cales son os obxectivos que perseguen?

O obxectivo primordial é converter esta vila e polo tanto a comarca nun punto de referencia para os potenciais compradores, autónomos ou alleos, de xeito que a actividade empresarial e comercial situada na zona, se converta nunha forza plenamente competitiva no complicado mercado actual.

Dende cando leva á fronte desta entidade?

Estou á fronte deste entidade desde o 2010.

Como se mantén AciaFozCCA?

Son tres piares, a cota de asociados, a subvención de Concello e a subvención da Xunta de Galicia para o Centro Comercial Aberto. A filosofía de colaboración entre administracións e Federación de Comercio Galega-Lugo con AciaFozCCA, pon todas as actividades e campañas en funcionamento, pois compartimos os mesmos obxectivos.

En equipo sempre se fai máis forza.

Claro, ademais unha actividade atrae a outra, os diferentes eventos son focos de atracción para o comercio e a hostalaría. Todo isto funciona se nos coordinamos entre todos.

Tamén colaboran con outras entidades?

Colaboramos cos clubs deportivos e coas asociacións culturais da vila para apoiar nos seus eventos, pois nós o que queremos é mellorar o comercio e darlle vida ás rúas.

Que campañas teñen preparadas para este ano 2023?

A nosa idea é seguir na mesma liña de campañas anuais. Adoitamos facer unhas 15 ao ano con motivo dos días e datas máis sinaladas como son o Nadal, o Día da Nai ou do Pai, San Valentín, etc. e as clásicas campañas das rebaixas. Ademais temos os sorteos, os soldos anuais, os vales de compra, …

Son moitas campañas.

Si, repartimos durante todo o ano máis de 15.000 euros en premios e vales de compra, que despois volven ao comercio. O que facemos é un círculo comercial que repercuta no pobo.

E xa máis concretamente para este mes de xaneiro ou febreiro?

Pois estaremos xa enfocados nas rebaixas e cun pé na preparación da campaña de San Valentín. Sobre todo gústanos cubrir as épocas nas que non hai tanta actividade por parte do Concello, e así inxectamos un alicerce á veciñanza. Por outra banda, tamén faremos entrega dos premios do Concurso de escaparates de Nadal.

Recentemente dous comercios focegos foron agasallados.

Si, por unha banda, a tenda Isla, un comercio de roupa e complementos de muller, recibiu un premio na categoría de Mellor Comercio de Barrio por parte da Deputación e a Federación de Comercio. Á fronte desta tenda atópase unha moza emprendedora.

E a outra premiada?

A outra foi a tenda agasallada foi Decoraciones Pura, que recibiu un premio a súa traxectoria de máis de 35 anos, e na que xa conta con relevo xeracional. Ademais abriron outra tenda en Burela. Son especialistas en complementos téxtiles e roupa de fogar.

Estes premios son unha moi boa noticia para a vila.

Por suposto, son premios que estimulan aos focegos a mellorar e a participar nestas iniciativas.

Ten vantaxes mercar en Foz?

Por suposto, contamos cun variado tecido comercial no que podemos atopar todo o que necesitamos. Na Mariña temos moitas cousas que merecen a pena e que veña xente e merque, benefícianos a todos. Dende o 2010 temos unha tarxeta de fidelización do comercio para acumular puntos e descontos.

A poboación recibe de boa gana todas estas campañas?

Si claro. A veciñanza participa moi activamente e de forma maioritaria ao comercio. Despois as persoas agraciadas, que aproximadamente son máis de 300 anualmente, pois están contentos por recibir estes agasallos. Sempre teñen moi boa acollida entre a clientela e entre os establecementos asociados que participan nas diferentes citas.

O comercio online está xa estendido nos comercios focegos?

Si, de feito hai un número importante de negocios que usan as redes sociais como reclamos ou mostra dos seus espazos e o seu xénero. Tamén hoxe en día moitos dos negocios teñen a súa propia tenda online. No relativo a ACIAFozCCA, nos contamos coa nosa web que serve como canle para todos os negocios e a súa potencial clientela.