Skip to main content
Barreiros

O Ministerio ultima o convenio para actuar no xacemento da Roda, en Barreiros

Por 13 Xaneiro, 2023Sin comentarios

A secretaria de Estado de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana anuncia nunha visita ao Concello as actuacións no xacemento, a licitación do novo apeadeiro de San Cosme e a limpeza de vías de servizo da A8.

 

O Concello de Barreiros recibiu a visita da Secretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Isabel Pardo de Vera, que mantivo un encontro co goberno municipal no que trataron diversas cuestións nas que están traballando e dependen do departamento que dirixe.

A mandataria estatal acudiu acompañada do presidente do INECO, Sergio Vázquez, co que o goberno municipal xa mantivera varios encontros previos na súa etapa no Ministerio para darlle un pulo aos temas nos que continúan traballando. A maiores, aproveitaron a visita de Vázquez para coñecer o estado do proxecto do traslado do apeadeiro do tren en San Cosme que está redactando o Instituto que preside e cuxa licitación se prevé no prazo dun ano.

Durante o encontro, no que participaron o goberno municipal e o delegado e a subdelegada do Goberno do Estado, a Secretaria de Estado anunciou a sinatura inminente dun convenio co Concello de Barreiros para actuar sobre o xacemento da Roda, en Reinante. Pardo de Vera explicou que o Ministerio afrontará as labores de protección e posta en valor do xacemento mediante un proxecto que executará o goberno estatal e conveniará co municipio barreirense para o seu posterior mantemento.

 O enlace ao polígono desde a futura A78

Isabel Pardo de Vera tamén tomou nota da necesidade de contemplar un enlace de entrada ao polígono de Barreiros na execución da A74. Así mesmo, porá en marcha as labores de mantemento e limpeza das vías de servizo da A8 ao seu paso por Barreiros.

A alcaldesa explicou que “esta xuntanza dá continuidade ao traballo que o goberno municipal vén  realizando desde o inicio do mandato, en contacto directo co Ministerio, para desenvolver proxectos e dar solucións a problemáticas que existen en Barreiros.” A rexedora lembrou o primeiro encontro que mantiveron no Ministerio ela mesma e a tenente de alcaldesa, Carmen Veiga, co daquela Secretario Xeral de Infraestruturas, Sergio Vázquez, ao que quixo “agradecer o seu compromiso con Barreiros e o traballo desenvolto para darlle solución ás cuestións trasladadas.”

A rexedora manifestou igualmente “a gratitude a Pardo de Vera por achegarse a Barreiros para seguir coñecendo de primeira man as necesidades do municipio e a receptividade amosada para solucionar as cuestións tratadas na xuntanza, de suma importancia para o municipio e nas que é preciso a continuidade e perseveranza que se vén amosando para chegar a finalizar os trámites que permitan desenvolver os proxectos.”

Na visita realizada, a Secretaria de Estado, asinou no Libro de Honra municipal e recibiu de parte do goberno municipal a insignia e unha cerámica co escudo do Concello.