Skip to main content
Barreiros

O PP de Barreiros insta a pavimentar o aparcadoiro fronte ao centro de saúde

Por 18 Xaneiro, 2023Sin comentarios

O PP insta á alcaldesa de Barreiros a que adopte as medidas precisas para pavimentar o aparcadoiro fronte ao centro de saúde, “que hoxe é unha lameira”.

“No núcleo urbano de Barreiros hai un acusado déficit de aparcadoiros. Con bo criterio, no seu día, mediante acordo cos propietarios dun terreo situado fronte ao centro de saúde, o Concello habilitou un aparcadoiro. O terreo está en moi mal estado, de xeito que a día de hoxe nalgunhas zonas é un verdadeiro lameiro”, di o portavoz municipal do PP, José Manuel Gómez Puente, que reclama da alcaldesa, Ana Ermida, que adopte as medidas precisas para acondicionar o citado aparcadoiro, que tan necesario é, en xeral en Barreiros, e máis para quen ten que acudir ao centro de saúde.

Gómez Puente sinala: “cando pedimos ao goberno local que adopte medidas para mellorar o aparcadoiro, alega que se trata dun terreo privado. E nós non entendemos que ten que ver a condición de privado co feito de que o Concello, que supoñemos que no seu día chegou a un acordo cos propietarios, non faga nada para mellorar o firme”.

O portavoz popular tamén di: “tal como está de esvaradío, calquera día pode producirse un incidente no que se vexan implicados vehículos e peóns e, entón, si que haberá complicacións. O aparcadoiro é moi necesario, pero hai que telo nas condicións adecuadas”.

Gómez Puente insiste unha vez máis na súa demanda ao goberno local: “déixense de escusas e fagan o que teñen que facer; falen e acorden cos propietarios se o teñen que facer, pero póñanse mans á obra para mellorar este aparcadoiro tan necesario, especialmente para as persoas que precisan os servizos do centro de saúde”.