Skip to main content
BarreirosRibadeo

Barreiros e Ribadeo piden a Medio Ambiente que informe sobre as medidas a adoptar no caso de ataques de lobos

Por 27 Xaneiro, 2023Sin comentarios

O Concello de Barreiros e o de Ribadeo veñen de dirixir un escrito á Consellaría de Medio Ambiente para solicitar do departamento autonómico que envíe persoal do mesmo ao municipio para celebrar unha reunión coa veciñanza na que se informe sobre as medidas a adoptar no caso de ataques de lobos.

Ante a proliferación de ataques a gando nas últimas semanas e vendo o desconcerto existente entre a poboación, os alcaldes, Ana Ermida e Fernando Suárez, dirixiron un escrito á Consellaría de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e á Xefatura Territorial en Lugo no que trasladan a existencia de ataques de lobo nos municipios e o desconcerto da poboación, xa que “esta situación, moi habitual noutras zonas do país, é novidosa e excepcional ata este momento no caso do noso municipio. E máis, porque a zona onde se teñen producido estas actuacións é a zona costeira, amplamente habitada e urbanizada. Porén, parece confirmada a existencia deste animal nas proximidades e, no mesmo sentido, a autoría dos ataques por dita especie.”

A rexedora manifesta que “sendo conscientes de que estas situacións poden ser habituais noutros puntos xeográficos galegos, o feito de que se produzan en Barreiros está a causar desconcerto, alarma e, en moitos casos, desesperación das persoas afectadas; ao non atopar respostas da administración na súa burocracia institucionalizada.” E insiste en que “o pouco habitual que é esta situación e que se estea a producir desde tempos recentes, tamén implica en moitos casos un descoñecemento das posibles actuacións ou mesmo da axuda que poden recibir as persoas afectadas de cada administración.”

Por estas razóns e “sendo conscientes de que o tema é complexo, consideramos necesario que a Consellaría de Medio Ambiente, como administración con competencia directa no tema, poida informar directamente á veciñanza da nova situación existente, das consecuencias e das actuacións que se poden levar a cabo por cada parte implicada.”

Por isto veñen de cursar un convite para asistir a unha reunión coa veciñanza na que poidan resolver dúbidas e a Xunta de Galicia poida explicar de xeito fidedigno a situación e modo de actuar, así como recoller as inquedanzas e/ou resolver dúbidas da veciñanza en xeral e das persoas afectadas. Neste sentido o Concello de Barreiros ponse a disposición da administración galega para organizar un encontro público no que poida acudir persoal técnico da Consellería para tratar esta cuestión.