Skip to main content
Cervo

Cervo apostou polo material reciclado para a confección de adornos de Nadal

Por 4 Xaneiro, 2023Sin comentarios

O Concello de Cervo apostou de novo este ano polo material reciclado para a confección de adornos propios do Nadal.

Ademais da decoración a partir de residuos procedentes do medio mariño -situada no espazo verde contiguo á Casa do Mar en San Ciprián- a delegación de Medio Ambiente repartiu polas parroquias do municipio varios bonecos de neve confeccionados a partir de pneumáticos.

Dito material está composto por caucho natural e plástico, que contribúen á contaminación de mares e praias. O concello xestiona, a través do punto limpo de Cuíña, ao redor de 3000 quilogramos de pneumáticos ao ano, que son recollidos, tratados e procesados para ser convertidos en produtos reciclados que contribúan a súa inclusión dentro do ciclo da economía circular.

Os bonecos tamén contan con outro tipo de residuos como escobas sen uso, redes e cabos extraídos da costa (bufanda), testos (sombreiro), tapóns (boca), refugallos de madeira (nariz) e demais anacos de plástico (ollos).

O obxectivo principal desta iniciativa é didáctico coa fin de incidir na concienciación da veciñanza sobre a importancia que ten a reciclaxe para o medio ambiente, así como de ensinar que a reutilización de materiais que contribúen á contaminación, pode resultar tamén divertido e proveitoso. Ademais, estes novos adornos veñen complementar a xa tradicional decoración de Nadal instalada nas diferentes zonas do Concello e enxalzan o espírito navideño das parroquias.