Skip to main content
Cervo

O Concello de Cervo eliminará a presenza de vehículos nas marxes da vía principal de Sargadelos

Por 14 Xaneiro, 2023Xaneiro 15th, 2023Sin comentarios

O Concello de Cervo está a realizar unha mellora integral no Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos, como lugar emblemático do municipio polo seu gran valor natural e patrimonial.

Neste sentido, a administración local vén de crear un novo aparcamento público, coa colaboración da Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia, nunha parcela municipal situada na parte traseira do antigo edificio das Carboeiras, que supuxo un investimento de preto de 70.000 euros, e que ten capacidade para máis de 50 vehículos.

Tal e como explicou o rexedor, Alfonso Villares, que estivo supervisando as obras acompañado pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, do delegado territorial da Xunta, Javier Arias, da tenente alcalde, Dolores García Caramés, e do edil de Turismo David Rodríguez, “este novo aparcamento foi concibido co obxectivo de seguir a traballar na posta en  valor de toda esta contorna privilexiada” con elo imos conseguir o obxectivo  de “eliminar a presenza de vehículos das marxes da vía principal para mellorar a seguridade e tamén o impacto visual nesta zona”. Unha vez rematado este aparcamento -que xa está habilitado ao tráfico-  as persoas que visiten o Conxunto Histórico xa teñen unha alternativa real e práctica para estacionar os seus vehículos sen interferir na panorámica da zona.

A liberación de tráfico desta estrada permitiranos –engadiu Villares- facer máis atractiva a visita a este enclave, que é un dos puntos con maior valor turístico e patrimonial do noso municipio. Para este fin, nos vindeiros días procederase a acondicionar o firme diante do antigo edificio das Cabalerizas que hoxe alberga o Centro de Emprendemento e Artesanía, limitando o seu tránsito exclusivamente para uso peonil.

Villares recordou ademais, que esta nova infraestrutura pública que conta co aval de Patrimonio, tamén servirá para potenciar os negocios establecidos neste espazo para o emprendemento que impulsamos desde o Concello de Cervo, xa que “permitirá aumentar a afluencia de visitantes ao verse incrementadas as posibilidades de estacionamento na zona”.

E é que na actualidade, o Conxunto Histórico e Artístico de Sargadelos é un dos puntos con máis afluencia de visitantes do municipio. Dende a creación do centro de emprendemento, que nestes intres frecuentan 7 negocios artesáns, a localización veu incrementado o seu potencial turístico, sendo un punto de visita obrigada para os visitantes ao longo de todo o ano.