Skip to main content
Foz

Seguen as actividades de Nadal para a veciñanza de Foz

Por 2 Xaneiro, 2023Xaneiro 3rd, 2023Sin comentarios

Despois da chegada de Papá Noel e das numerosas actividades para despedir o ano, a veciñanza de Foz seguirá a desfrutar do ano novo cunha ampla programación.

A concelleira de Cultura, Inés López Couto engade que “xa no 2023 o ano comezará con diversión o día 2 de xaneiro no pavillón do colexio nº1 coa lasertag experience. Se queres participar só tes que ir entre as 16.30 e as 20 horas. Lembrar que a actividade do día require de grupos, que se poderán formar alí ou que se poden levar formados se ides entre amigos”.

O xoves 5 chegarán os Reis Magos e a cabalgata volverá  ter o seu formato habitual. Sairá da praia da Rapadoira ás 18.30 horas, percorrendo as rúas de Foz e facendo unha pequena recepción no Concello, onde os reis saudarán dende o balcón, para continuar percorrido ata o pavillón do colexio nº1, onde se fará unha recepción con chocolate e xogos.

O sábado 7 Os Bolechas farán parada en Foz co seu espectáculo A bruxa Befana, ás 18.30 horas no pavillón do colexio nº1.

O domingo 15 actuará a compañía Teatro ao cubo, coa súa obra Nube nube sol, na que lles ensinarán aos máis pequenos (entre 0 e 4 anos) todo o que a choiva e o sol provocan na nosa contorna. Haberá dúas sesións, ás 11.30 e ás 12.30 horas, na Sala Bahía.

“Esta programación está pensada para que grandes e pequenos desfruten do Nadal, ofrecendo alternativas para que manteñamos viva a ilusión destas festas”, indica a concelleira de Cultura, quen tamén anuncia que “na recepción aos Reis Magos do día 5 de xaneiro farase entrega dos premios aos gañadores do XVIII Concurso de Postais de Nadal, do que saíu a postal que usará o Concello de Foz na súa felicitación oficial. Agradecemos a participación a tod@s e esperamos que o pasaran ben deseñándoas. Os gañadores deste ano foron, na categoría infantil A, Noel Acevo Sante (Colexio Fondo Nois) e Jaime Fernández Cuervo (Colexio Nº1); na categoría infantil B, Malena López Casal e Luis Goás Fernández (ambos do Colexio do Pilar); e na categoría xuvenil, Marina Couceiro Lage (colexio do Pilar) e Eva Núñez Lago (Fondo Nois). A postal de Marina Couceiro Lage será a que felicite o Nadal de todos os foceg@s. Desexámoslle a veciñ@s e visitantes un bo Nadal e un próspero ano novo, esperando que desfruten de Foz, da súa decoración e das súas actividades”.