Skip to main content
Foz

Asinado o convenio da transmisión da titularidade do edificio da residencia de maiores e centro de día de Foz 

Por 19 Xaneiro, 2023Sin comentarios

O Concello de Foz asinou co Consorcio Galego de Igualdade e Benestar o convenio que inclúe a transmisión da titularidade do edificio da residencia de maiores e centro de día. 

O Concello explica que “continúa a ser titular do servizo para evitar a condición ilegal e inmoral que lle impuxo a Xunta de Galicia de botar fóra a traballadores e residentes, a pesar de que as competencias e a propiedade do edificio son da Xunta de Galicia. O Consorcio só respondeu aos requirimentos do Concello do ano 2020 dous anos despois, tras a insistencia do Concello de Foz na comunicación. O abandono da Xunta das súas competencias sen compensación económica provoca un sobre esforzo económico ás veciñas e veciños de Foz, nunha residencia de só 40 prazas que ten un lista de agarda de máis de 150 persoas”. 

O Concello de Foz engade que “o convenio, asinado hoxe pero con efectividade do 17 de xaneiro, permite licitar a nova concesión. Para preparar toda a documentación e os pregos de licitación xa foi contratada unha consultoría, que está a realizar o traballo técnico nestes momentos. O Concello tamén traballa nos aspectos formais da continuidade do servizo tras as manifestacións da actual concesionaria de abandono das súas obrigas, a pesar do mandato do pleno extraordinario do 21 de decembro de 2022. O servizo continuará nas mesmas condicións e cos mesmos profesionais, compromiso que se adquiriu en sendas reunións cos traballadores e familiares dos residentes mantidas a principios desta semana”.