Skip to main content
Viveiro

A veciñanza de Misericordia continúa á espera da prometida reunión co Goberno de Viveiro

Por 7 Xaneiro, 2023Sin comentarios

A veciñanza da Misericordia continúa agardando pola reunión que a alcaldesa anunciou que ía manter con ela e xunto cos técnicos municipais, no pasado pleno de novembro. Así o comunicou o BNG de Viveiro, que engadiu que “despois de 20 anos sufrindo un grave problema urbanístico de acceso ás súas vivendas, tras varias solicitudes con escritos incluídos, tras rogos do BNG propoñendo alternativas, e ata co informe da xerente de Ambulancias Burela corroborando que as ambulancias non poden acceder en caso de emerxencia, a veciñanza da Misericordia tivo que chegar ao punto de solicitar que se lle dera voz no pleno para ser escoitada, algo que nunca se fixera no concello e que se conseguiu grazas ás sinaturas das persoas veciñas que empatizaron coa súa situación”.

Míriam Bermúdez, concelleira do BNG, indica que “durante o pleno do mes de novembro, a veciñazanda da Misericordia tivo por fin a ocasión de expoñer a súa problemática ao equipo de goberno e ao resto da corporación. De algo serviu a súa intervención no pleno, pois comentou a alcaldesa que facendo o inventariado municipal, apareceu un vial que podería dar solución a esta situación, e que sería o persoal técnico do concello quen daría os detalles.”

“Tamén comentou que xa tiña pensado reunirse antes coa veciñanza, pero como solicitou intervir no pleno, pois que decidiu agardar. Preguntámonos a que agarda agora, pois xa pasou un mes dende a intervención da veciñanza no pleno, e tres meses dende que a solicitaron, polo que continúan sen reunión, sen información e sen solucións.”, incideu Míriam Bermúdez.

Como ben explicaron, “para cobrarlles os impostos si que se acorda o Concello, pero para darlles solucións non. Non viven no centro nin en zona turística, pero existen. Son moitos anos de reclamacións, e teñen dereito a unha solución urxente”, din.

Polo que “unha vez máis, dende o BNG pedimos á alcaldesa que convoque a reunión cos veciños e veciñas da Misericordia sen máis demora”.