Skip to main content
Viveiro

14 árbores de diferentes especies plantáronse no parque viveirense Pernas Peón

Por 8 Xaneiro, 2023Sin comentarios

O Concello de Viveiro acaba de realizar unha primeira plantación de 14 árbores de diferentes especies no parque público Pernas Peón. Deste xeito, execútanse unha parte das actuacións contempladas na zona 5 do proxecto que existe para este parque.

A plantación realizouse na zona sueste do parque, para o que, primeiramente, se procedeu á retirada do mobiliario existente que se atopaba en mal estado (bancos e mesas). Esta era a zona que se atopaba máis despoboada, tras a tala que se levou a cabo por motivos de seguridade.

En concreto, plantáronse un castiñeiro de Indias vermello, un castiñeiro, un cedro do Líbano, unha árbore do amor, unha faia, un freixo, unha figueira, un ginkgo, unha árbore chuvia de ouro, un alerce, unha paulownia tomentosa, dous carballos e un serbal de cazadores. Tamén se realizou o entutorado de todas as árbores plantadas.

Para a execución destas actuacións investiuse unha parte do remanente da partida orzamentaria existente para a redacción do proxecto.

Próximas actuacións

Das actuacións previstas nesta zona 5, quedan pendentes, entre outras, a plantación do céspede e doutras catro árbores, que se farán na primavera. De feito progresivo, continuarán executándose os traballos contemplados no proxecto, que se divide en cinco zonas, un camiño principal e unha praza central.

O orzamento para executar a totalidade do proxecto ascende a 1.268.028 euros, polo que está previsto realizalo en fases a medida que se dispoña de liquidez orzamentaria ou, se fora posible, a través dalgunha subvención dos fondos Next Generation.

Nese sentido, cabe sinalar que se contemplan varias zonas de actuación, preservando a esencia tradicional do parque, co obxectivo final de mellorar a calidade deste espazo verde. O parque conta cunha  superficie total de 3 hectáreas e é utilizado polos veciños e veciñas como lugar de descanso e esparcemento.

As diferentes intervencións que se pretenden levar a cabo teñen como finalidade, entre outras,  a apertura visual dos bordes do parque, para preservar o carácter de espazo verde alleo ás construción e urbanización do entorno; a creación de novos usos; a creación dunha praza central ou a utilización da vexetación como elemento de unión entre as diferentes zonas para que os veciños e visitantes perciban o espazo como unha unidade.

O proxecto para o parque Penas Peón foi redactado para poder actuar por partes, nas cales irán árbores de nova plantación, ademais de formación de sebes, plantación de arbustos e vivaces, camiños de xabre, mesas de picnic, etc.