Skip to main content
Viveiro

Viveiro formará parte este ano das rutas dos trens turísticos de Galicia

Por 29 Xaneiro, 2023Sin comentarios

O Concello de Viveiro recolle os resultados das xestións realizadas recentemente en Fitur 2023, onde concretou varias iniciativas e captou o interese dos grandes turoperadores, reafirmando a vila como un destino en alza.

En concreto, Viveiro formará parte este ano das rutas dos trens turísticos de Galicia, unha iniciativa entre Turismo de Galicia e Renfe que percorrerá os principais destinos de ocio e lecer da comunidade autónoma.

Viveiro forma parte dun dos traxectos desta iniciativa, a ‘Ruta dos Faros’, e ata seis trens turísticos pararán en Viveiro entre os meses de xuño e setembro neste ano. Este viaxe, que percorre o litoral norte de Galicia, inclúe un percorrido a pé polas rúas do centro histórico viveirense para todos os viaxeiros.

“Estamos moi satisfeitos por dar este novo paso, recollendo o resultado das xestións que impulsamos desde o concello en Fitur e nos meses anteriores. As previsións apuntan a un ano moi bo para o turismo en Viveiro, un sector moi importante para a economía local”, asegura a alcaldesa, María Loureiro.

Loureiro e a concelleira de Turismo, Marisol Rey, mantiveron en Fitur diferentes reunións cos principais touroperadores do sector, como son InterRías, Weekendesk, Cultural, You Travel, Te Travel, Turismo Inteligente, Pilgrim ou IUrban. Todos eles mostraron moito interese por incluir Viveiro nos seus programas de viaxe.

As cifras da última tempada de verán, con visitantes de máis de 40 países nos meses de xullo e agosto e un total de 42.385 persoas que pasaron pola oficina de turismo, reflicten que a atracción por Viveiro medra de forma exponencial.

Ao marxe dos atractivos do verán en Viveiro, eventos como a Semana Santa, o Nadal, o Resurrection Fest, a Mostra Folclórica ou as festas patronais congregan a milleiros de persoas todo o ano, cunha elevada porcentaxe de ocupación nos hoteis e nas vivendas de uso turístico. As visitas guiadas tiveron moita demanda, así como a pantalla de grandes dimensións que o concello instalou na oficina de turismo.

A concello tamén sinala como ferramenta para promover os recursos turísticos a posta en marcha da iniciativa ‘Descubre Viveiro’, a través de cinco plataformas de redes sociais como son Instagram, TikTok, Youtube e Wikiloc, ademais do Facebook de Viveiro Turismo.