Skip to main content
Colaboracións LUGOXAColaboracións RIBEIRASACRAXAColaboracións SARRIAXA

Falando con Emérita Portela Ares, traballadora social da Fundación Meniños de Lugo

Por 16 Xaneiro, 2023Sin comentarios

Por Fernanda Arrojo.

A primeira conversa que manteño este ano, 2023, é cunha profesional que traballa na provincia de Lugo, dentro da  Fundación  Meniños, cun colectivo que a min preocúpame moito porque penso que hoxe máis que nunca é moi vulnerable por moitas razóns. Estou a falar das crianzas, sobre todo das nenas e nenos en risco social.    

Cal é, concretamente, o campo de traballo desta fundación?                   

Como entidade sen ánimo de lucro, a Fundación Meniños traballa dende hai máis de vinte cinco anos en prol dos Dereitos da infancia, fomentando o bo trato e, por suposto, a protección dos nenos e nenas e, tamén, dos adolescentes.

E como traballadora social cal é a túa función?                   

Levo o Programa de Integración Familiar xa que o obxectivo principal de Meniños é garantir o dereito da infancia e a adolescencia a vivir en familia.

Na actualidade, temos en activo unhas trinta e cinco familias derivadas polo Equipo Técnico do Menor da Xunta.

Nestes tempos, aínda que a institución familiar persiste,  supoño que te atoparás situacións moi diversas?  

Si claro, e para dar resposta a diferentes demandas, dentro deste programa de Integración familiar hai tres áreas:

-A de Preservación familiar: sendo o seu obxectivo  evitar a  separación do nena ou neno do núcleo familiar, é dicir, as nenas e os nenos viven coas súas familias, pero nunhas condicións vulnerables, non só por razóns socio-económicas, senón tamén por dificultades educativas e relacionais  entre outras.

-A de Reunificación familiar: cando os nenos e nenas están xa nos centros ou familias de acollida e se traballa para a súa volta ao fogar familiar. Realízanse cambios nas dinámicas familiares e  soluciónanse  dificultades sociais para que poidan regresar en axeitadas condicións.   

-A area de Funcionalidade familiar: cando as dinámicas familiares teñen un alto deterioro e coa intervención preténdese cambiar esa dinámica e que a familia adquira unha funcionalidade mínima e necesaria.

Nas familias xorden  complicacións que non saben como manexalas. Por exemplo, en situacións de divorcios, nas separacións, por ausencias dalgún proxenitor cando teñen dificultades entre os adultos e non saben solventalas de forma adecuada. Outras situacións poden ser familias  monoparentais,  membros da familia con algunha enfermidade (ultimamente, destacan as mentais), estadías no cárcere… sen esquecer os casos de Violencia de Xénero e de Violencia Intrafamiliar.   

Tamén realizamos intervencións cando as familias utilizan métodos educativos non axeitados, como é o emprego do castigo físico.                                     

Os pais educan, na maioría das ocasións como foron educados e criados eles. Aprenderon formas non correctas.  Nestes casos, o noso traballo céntrase en orientar sobre estratexias  de disciplina positiva, fomentando a capacidade empática dos pais  e nais.

E se chegan a ser conscientes do dano que se provoca á nena ou neno, poden acadar importantes cambios  nas dinámicas intrafamiliares.         

Consideras que o mellor para un neno ou nena é estar coa súa familia?        

O mellor é que medren nunha unidade familiar. Se é coa biolóxica ten que haber sempre un bo trato e, senón o hai, traballar para acadalo e, se isto non é posible, facilitar que poidan vivir nun ambiente familiar axeitado, no que lle cubran as distintas necesidades (físicas, afectivas, de estimulación, emocionais, etc.). O que si necesitan os nenos e nenas é persoas que sexan uns referentes estables e o afecto incondicional ao mesmo tempo que se lles transmiten límites para que acaden un autocontrol interno. 

Os fillos e fillas non son da propiedade dos proxenitores, son persoas independentes e como sociedade temos a responsabilidade do seu coidado e crianza de forma axeitada.      

Canto tempo dura a vosa intervención?    

Normalmente, dous anos, en función da intervención pode cesar antes ou, noutros casos, pódese  prorrogar  por un tempo acordado co Equipo Técnico do Menor.      

Que outros programas levades a cabo?                 

Na actualidade, na sede de Lugo estanse a levar tres programas máis:

Un de  atención pre e perinatal para nais en dificultade social, no que se proporciona un acompañamento durante o embarazo e a primeira crianza a nais que polas súas circunstancias sociais, emocionais ou psicolóxicas o precisen. O obxectivo é fomentar un vínculo nai-bebé seguro e estable que favoreza a protección da crianza.

Outro dirixido á intervención terapéutica con persoas vítimas de abuso e/ou violencia sexual, que á súa vez desgránase en dous, un específico para nenas, nenos e adolescentes e outro para persoas adultas.

E, por último un programa dirixido ao traballo terapéutico con nenas e nenos vítimas de violencia de xénero e ao seu eido familiar.

O obxectivo destes dous últimos programas, é ofrecer un tratamento destinado á recuperación da ferida psicolóxica producida por estes tipos de situacións traumáticas, como o abuso sexual e a violencia de xénero.

Por último, tamén somos unha entidade “prestadora” de servizos terapéuticos dentro do programa Caixa Pro Infancia.

Como se pode colaborar con Meniños?               

A través de voluntariado en programas como apoio escolar, respiro familiar e apoio á familia en tarefas complementarias á intervención familiar.  Outro programa de voluntariado é o de Lecxit lectura que consiste en ler aos nenos unha hora á semana. Outras formas de colaboración é ser familia acolledora ou adoptiva; facéndose socia ou socio a través dunha aportación estable ou periódica; ou tamén apoiar mediante unha doazón puntual…