Skip to main content
Lugo

Entrevista: “Impartimos todas as áreas do curriculum escolar ao longo de todo o nivel educativo”

Por 28 Xaneiro, 2023Xaneiro 29th, 2023Sin comentarios

EscolActiva é un centro de formación lucense que traballa dende 2013 enfocado nas necesidades individuais de cada estudante. Falamos con Soraya Seijas, directora e docente do centro, sobre as claves do seu traballo.

Que é e como nace EscolActiva?

EscolActiva é un centro de formación que nace en 2013 coa idea de achegar aos nenos os contidos dunha forma amena e entretida. Eu son da rama de matemáticas, que sempre é unha materia que gusta pouco e a idea era que os rapaces fosen capaces de ver esa parte máis lúdica das matemáticas.

Ao principio estaba eu soa e cos anos fomos medrando ata actualmente, que contamos con máis de 130 alumnos e tres docentes. Ana é a profesora que está co alumnado de primaria, Laura traballa a parte de letras e eu, Soraya, que me adico a rama das ciencias.

Que servizos ofrecen?

Somos un centro de formación que principalmente traballamos con alumnado de Educación Primaria, ESO e Bacharelato para dar clases de reforzo. Tamén preparamos probas de competencias clave con persoas adultas, que en xeral nalgún momento tiveron ou quixeron deixar os estudos e que agora queren retomalos. Probas de acceso á universidade para maiores de 25, os exames para a obtención do graduado ou o bacharelato e tamén probas de acceso a ciclos formativos.

Temos unha parte de idiomas onde impartimos galego, inglés e italiano moi enfocada ao reforzo escolar, pero tamén preparamos certificados como o Celga 4, Cambridge, EOI, CILS ou as probas Erasmus.

Como é o seu sistema de traballo?

Para alumnado de primaria, secundaria e bacharelato principalmente traballamos con grupos reducidos de sete nenos. Nós non realizamos clases maxistrais onde se explica unha lección para todo o grupo senón que nos adaptamos alumno a alumno, aos seus contidos e á maneira que traballan no seu centro. Polo tanto aínda que a formación se fai a través de grupos as clases son individuais.

Para adultos, é certo que en horario de tarde é máis complicado, pero si dispoñemos de grupos a partir das 20.00 horas ou en horario de mañá así como clases individuais pensadas sobre todo para preparar probas de acceso.

Que proxectos teñen de cara ao futuro?

Estamos intentando potenciar máis a aula virtual, que é algo que xurdiu durante o confinamento, e incluso realizar algunha das formacións integramente online. Temos alumnos que marcharon a estudar ou traballar fóra e que queren continuar a súa formación con EscolActiva. Tamén persoas que teñen horarios de traballo máis complicados e esta ferramenta é unha forma de chegar a todos eles. Está enfocado para alumnado adulto sobre todo aínda que tamén traballan moito coa aula virtual os alumnos que están a preparar a selectividade como unha ferramenta de apoio.

O noso sistema de formación online conta sempre cun mínimo dunha videochamada dunha hora á semana. Non son clases gravadas onde ti estás soa fronte aos contidos senón que tes unha titoría e unha persoa para resolver dúbidas e realizar consultas. Para nós este trato persoal e individualizado é imprescindible porque tamén é o xeito de adaptar a nosa formación ás individualidades de cada alumno.

Cal é a característica que lles diferenza doutros centros?

O primeiro é que impartimos todas as áreas do currículo escolar ao longo de todo o nivel educativo. Isto implica que pode vir dende un rapaz de sete anos ata un de quince, o que facilita en gran medida a conciliación familiar porque dous irmáns poden estar no mesmo centro. E tamén a nosa proximidade co alumnado e coas familias. Temos un ambiente moi cordial e distendido cos alumnos e un trato cercano cos pais. Gústanos ter un trato moi próximo coas familias e para min é moi importante ter un bo ambiente no centro para que os nenos veñan a gusto.

Que é o que máis valoran os pais á hora de levar aos nenos?

Ademais dese bo ambiente e cercanía os resultados académicos evidentemente teñen que acompañar. Actualmente eu penso que temos un bo prestixio na zona e que xa nos coñecen dende hai anos. Estar rodeada de boas profesionais e compañeiras axuda a que todo isto sexa máis doado de conseguir.

Que é o que máis lle gusta ou aporta este traballo?

Eu dedícome a isto por vocación. Son enxeñeira de formación e descubrín que a docencia encantábame, deixei o meu traballo de enxeñería, que realmente non me gustaba, por isto. Que os nenos teñan un bo recordo noso, pasados os anos e que os podas axudar a levar os estudos o mellor posible, iso éncheme moitísimo.