Skip to main content
Lugo

Adega e Ecoloxistas en Acción preocupadas polo parque eólico do Picato que será visible dende a Muralla

Por 31 Xaneiro, 2023Febreiro 1st, 2023Sin comentarios

Ecoloxistas en Acción e Adega amosan a súa preocupación pola futura construcción do parque eólico do Picato que se intalará a moi pouco distancia da cidade de Lugo. Dende Adega declaran que “sentímonos coa responsabilidade de informar á veciñanza dos concellos de Lugo e Guntín sobre as importantes afeccións negativas que está instalación provocará sobre o medio ambiente, o patrimonio cultural, a poboación, e ás actividades produtivas e negocios existentes nestes concellos”.

“O Parque eólico Picato inclúe, 11 aeroxeradores de 150 metros de altura, un centro de transformación e unha ampla rede viaria, entre outros, que se localizarían integramente sobre Zona Tampón da Reserva da Biosfera. O Plan de Xestión da Reserva da Biosfera Terras do Miño, indica que nas zonas tampón, tamén chamadas zonas de protección de zonas núcleo, só poden ter lugar actividades compatíbeis cos obxectivos de conservación. A implantación dunha central de produción de enerxía eléctrica mediante aeroxeradores non cumpre co Plan de Xestión nin coa normativa vixente” informan desde Adega.

Por outra parte un informe técnico de Ecoloxistas en Acción alerta “dos graves impactos que o parque eólico Picato pode ter sobre Lugo, a súa muralla romana e o Camiño de Santiago, Patrimonio da Humanidade”. “A poligonal do parque eólico está trazada sobre o Camiño Primitivo, e a maioría dos aeroxeneradores están proxectados nunha liña paralela á vía de peregrinación, polo que a súa visión dende o Camiño Primitivo é practicamente constante dende a saída da cidade de Lugo”, declaran dende Ecoloxistas en Acción.

Segundo o informe técnico presentado por esta asociación “os 13 aeroxeradores a instalar provocarán a descontextualización do patrimonio cultural e un impacto visual e paisaxístico irreparable. Neste senso, a afección para a vía histórico-cultural do Camiño de Santiago considérase inasumible, xa que dende os 700 metros de altitude na que se pretenden ubicar as liñas de aeroxeradores a vista alcanzará non só ao Camiño Primitivo senón que chegará a observarse dende Lugo e a súa muralla romana, Patrimonio da Humanidade”.

Adega tamén destaca que este proxecto afectará “directa e irreversible sobre a Reserva da Biosfera Terras do Miño e sobre a avifauna, xa que o parque se desenvolve integramente nunha área prioritaria para a avifauna, máis concretamente sobre a Tartaraña Cincenta (Cyrcus pygargus), especie catalogada como vulnerable segundo o Catálogo Galego de Especies Ameazadas e que segundo os últimos datos debería considerarse en perigo de extinción polo forte descenso das súas poboacións”. Tamén destacan unha “importante afección sobre o humidal denominado Ameneiral de Poutomillos, que se encontra recollido no Catálogo de Humidais de Galicia que afectará  as fontes e cabeceiras de regatos que nacen neste humidal e dan orixe a multitude de ríos e regatos que drenan este territorio vertendo as súas augas ao río Miño”.

Por todo esto dende Adega convoca mañá mércores 1 de febreiro ás 20.30 a todas as persoas que queiran ampliar información e promover accións contra o citado proxecto a unha reunión no local de Adega sito na Ronda das Fontiñas 180, Ent. B, en Lugo.