Skip to main content
Lugo

O reitor Antonio López pon en valor o Campus Terra na celebración do patrón da universidade

Por 28 Xaneiro, 2023Xaneiro 30th, 2023Sin comentarios

A facultade de Ciencias acolle a celebración do patrón da Universidade, Santo Tamás de Aquino nun acto académico que serviu para por en valor o traballo da institución na cidade. O reitor Antonio López pon en valor o cometido da USC como “panca ensencial para a formación e tamén para o desenvolvemento económico e social de Galicia”  logo de recoñecer o “lícito orgullo pola realidade universitaria construída entre todos en Lugo durante o último século”, referiuse ao recoñecemento do Campus Terra como campus de especialización como “unha oportunidade de futuro para acadar obxectivos ambiciosos, tales como os son incrementar o alumnado, potenciar e afianzar estruturas e resultados de investigación, avanzar no relevo xeracional do profesorado e no deseño de títulos aliñados cos novos intereses sociais e do mercado laboral”.

A coincidencia da celebración da festividade de San Tomé no edificio que en 1972 acolleu o Colexio Universitario, xermolo dos estudos universitarios na capital luguesa, serviu de marco para que Antonio López lembara o proceso transformador impulsado e os fitos
acadados pola USC neste tempo. A creación do Colexio Universitario en Lugo, que desde un primeiro momento asumiu o primeiro ciclo dos estudos de Ciencias e os correspondentes as titulacións da área de humanidades, englobadas daquela baixo a
denominación de Filosofía e Letras, seguida da posterior transformación en universitarias das primitivas escolas de Maxisterio, Enxeñaría Técnica e de profesionais de Comercio, foron as primeiras manifestacións da Universidade en Lugo, dixo López.

A inauguración da Facultade de Veterinaria (1991) e a creación da Escola Politécnica Superior (1993), que incorporaría os estudos do sector agrícola e forestal, constituíron dúas décadas despois, precisou o reitor da USC, dous pasos substanciais para avanzar na consolidación do Campus de Lugo e na configuración actual cara ao sector primario, o que constitúe o elemento distintivo clave da especialización do Campus Terra. A creación das facultades de Ciencias e Humanidades, tamén na década dos anos 90 do século XX, a
transformación en facultades das escolas de Maxisterio e empresariais, ás que cómpre eengadir os centros adscritos de Enfermaría e Relacións Laborais, así como outras infraestruturas tecnolóxicas e de investigación (Ibader, Hospital Rof Codina, Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias, Granxa Experimental Gayoso-Castro…) conforman a realidade actual do Campus de Lugo, que oferta 16 títulos de grao, tres dobles graos, 16 mestrados e 9 programas de doutoramento.

A sede universitaria luguesa contabiliza 4.177 estudantes matriculados, un 10% máis que hai catro anos e 420 docentes, que representan o 22% do profesorado da USC e dos que 347 son prazas estruturais. O Campus de Lugo ten un profesor por cada 10 estudantes, unha ratio que en Compostela se eleva a 1/17. Aínda así, sabemos que temos que facer máis para atender o relevo xeracional, un reto para o que a USC creou nos últimos catro anos 205 prazas de axudante doutor (557en Lugo), explicou o reitor, quen reiterou a gratitude da institución académica ao Concello e á Deputación de Lugo polo seu apoio ao campus.

A acreditación do Campus Terra como campus de especialización por parte da Xunta de Galicia é un recoñecemento ao traballo xa feito, pero tamén fixa importantes obxectivos para avanzar na consolidación desta sede universitaria. A folla de ruta establecida, precisou Antonio López, contempla, entre outros, incrementar o alumnado nun 10% no prazo de dous anos, aumentar nun 15% o número de teses de doutoramento presentadas, impulsar os contratados predoutorais nun 100 % e de posdoutorais nun 80 %, afianzar e reforzar estruturas de investigación non atomizadas, e incrementar as publicacións científicas en revistas indexadas nun 5 % en 2 anos e 10 % en catro anos.

O acto académico conmemorativo da festividade de San Tomé de Aquino congreou no salón de actos da Facultade de Ciencias de Lugo unha ampla representación académica e institucional. A alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez; a vicepresidenta do Parlamento de
Galicia, Elena Candia, o deputado do grupo parlamentario socialista, Luis Álvarez; a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez; o deputado no Congreso Javier Cerqueiro, o deputado provincial Pablo Rivera; os voceiros dos grupos municipais do PP e Ciudadanos en Lugo, Ramón Carballo, e Olga Louzao, respectivamente; a presidenta da ACSUG, Patrocinio Morrondo, e o xerente do HULA, Ramón Ares, tamén asistiron a unha sesión académica que contou tamén cunha nutrida representación de autoridades
militares.