Skip to main content
Comarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

A Deputación traballa para restablecer o tráfico nas estradas anegadas

Por 3 Xaneiro, 2023Sin comentarios

A Deputación de Lugo está a traballar nas cinco estradas provinciais que quedaron danadas polas fortes choivas para poder restablecer o tráfico o antes posible. Concretamente, o servizo de Vías e Obras está realizando unha avaliación técnica das derrubas provocadas pola gran cantidade de auga caída na xornada de onte debido ao temporal na LUP-0408, que conecta os concellos da Fonsagrada e Baleira por A Lastra, e que afecta tamén á súa continuación pola LU-P-0405, que vai ata a parroquia de Fonteo; na LU-P-1611, que atravesa o sur da Terra Cha conectando Maceda e Veiga; e a LU-P-1801, en Carballedo. Así mesmo, a institución continúa a traballar para o arranxo da LU-P-1706 de Castro de Rei a Cospeito, á altura do Pontello dos Lobos, que sufriu danos hai pouco máis dunha semana.

Na LU-P-0408, que une os núcleos de Freixo, no municipio da Fonsagrada, e A Lastra, que está en Baleira, as fortes choivas provocaron danos estruturais nunha ponte situada á altura do quilómetro 3,500. Tamén se viu afectada a circulación na continuación natural desta estrada, a LU-P-0508, que discorre por Baleira entre as parroquias da Lastra e Fonteo. Ambas vías provinciais quedaron cortadas onte á tardiña.

No Corgo, á altura da Ponte Maceda, pechouse ao tráfico a LU-P-1611 polo afundimento da estrada logo dun corremento de terras provocado polas choivas. Este cinto comarcal rodea á capital lucense e atravesa os concellos de Begonte, Friol, O Corgo, Guntín, Castro de Rei, Castroverde, Cospeito e Outeiro de Rei.

Na LU-P-1801, á altura do punto quilométrico 7, en Chantada; e do punto quilométrico 20, en Carballedo, o desprendemento de terras provocou a derruba das marxes da vía, que quedou cortada na tarde de onte.

Por outra parte, continúa cortada ao tráfico a estrada LU-P-1706, que conecta Castro de Rei e Cospeito á altura do Pontello dos Lobos polo afundimento o pasado 23 de decembro da súa bóveda a consecuencia das fortes choivas.

A circulación quedou onte restablecida naquelas vías asolagadas pola auga: a LU-P-2901 de Lugo a Palas á altura do Burgo; o treito inicial da LU-P-0802 en Begonte; ou a LU-P-5701 á altura de Sarria e que conecta A Pobra de Brollón e Folgoso do Courel.

Traballos no Paseo do Rato

A Deputación de Lugo está a traballar tamén na reposición do firme do Paseo do Río Rato, onde as choivas dos pasados días deixaron diferentes danos no treito que vai dende o Centro de Interpretación Terras do Miño ata o enlace coa estrada da Fonsagrada, en San Eufrasio. A institución provincial ten xa pechado o treito afectado e sinalizada unha alternativa de paso. Os traballos de reposición consistirán no aporte do firme e o seu compactado.