Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

O PP provincial propón un plan de acción para as estradas consensuado

Por 6 Xaneiro, 2023Xaneiro 10th, 2023Sin comentarios

O Partido Popular da provincia vén de asegurar que “a neglixente xestión do goberno presidido polo socialista José Tomé dende que tomou posesión ten como consecuencia que gran parte das vías estean en condicións lamentables, debido á falta de mantemento”.

Afirman que as últimas choivas viñeron a agravar os problemas “que reiteradamente puxo de manifesto o grupo provincial do PP, que unha e outra vez demandou a elaboración e aplicación dun plan de estradas. Como única resposta aos esforzos populares para intentar a mellora da rede viaria, o presidente Tomé acusounos de practicar unha política de fochancas. Agora, mentres a xestión do goberno provincial naufraga nas fochancas das vías provinciais, o PP lanza de novo unha oferta de consenso para estudar a situación real das estradas e decidir as medidas a adoptar canto antes”.

Noutro caso, segundo o portavoz popular, Javier Castiñeira, “este inverno vai ser moi complexo para os veciños da provincia de Lugo”.

O goberno provincial deixou claro en repetidas ocasións que non sabe se a Deputación ten ou non ten un delegado específico para vías e obras, pero, en todo caso, o responsable directo é José Tomé. Javier Castiñeira sinala: “Á falta de liderado nunha área tan importante da Deputación únese a falta de incremento nos orzamentos para mantemento; coa suba de prezos, a capacidade de mantemento da rede viaria provincial queda seriamente mermada. Por outro lado, o goberno non quixo deseñar e aplicar o plan de estradas que solicitou o PP durante toda a lexislatura”.

Os populares din que a gravidade da situación queda clara só con ver canta xente se queixa en diferentes poboacións lucenses. Temen que “isto aínda está empezando”, debido a que a auga e as xeadas van agravar os problemas. Castiñeira está convencido de que “se non hai un plan de intervención para facer un mantemento moito máis amplo do que se está a facer vai ser un inverno moi difícil en materia de estradas”. De novo, di o portavoz popular, “o PP propón que nos sentemos xuntos todos os grupos provinciais para analizar cal é a situación real da rede viaria e que podemos facer nas próximas semanas para mellorala”.