Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Abre o prazo para pedir as axudas para a contratación de seguros

Por 6 Xaneiro, 2023Xaneiro 10th, 2023Sin comentarios

A Xunta incrementa en case máis un 21% a dotación das axudas para o fomento da contratación de seguros agrarios, pasando dos 7 millóns de euros destinados na convocatoria de 2022 aos 8,5 millóns no presente ano. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a correspondente orde da Consellería do Medio Rural pola que se establecen as bases reguladoras destas achegas e se convocan para o ano 2023.

A Xunta concederá estas axudas de forma directa aos agricultores e poderán ser beneficiarios os asegurados que sexan titulares de explotacións agrarias galegas, sempre que subscriban pólizas de seguros de liñas agrícolas do Plan 2023 e de liñas gandeiras dos plans 2022 e 2023, formalizadas este ano. Tamén poderán recibir estas subvencións os titulares de explotacións de acuicultura continental. Contémplanse, así mesmo, os seguros de retirada e destrución de animais mortos nas explotacións.

Sobre o prazo de presentación de solicitudes, nos diferentes anexos da orde establécense as datas de inicio de subscrición de pólizas de seguros correspondentes ás distintas liñas que compoñen o Plan de seguros agrarios. As datas abarcan desde o 1 de xaneiro ata o 1 de decembro, segundo a liña de seguro da que se trate, así como do tipo de produción asegurable.

Solicitude de axuda

A formalización da correspondente póliza ou contrato de seguro pola persoa asegurada considerarase solicitude de axuda, sempre que se realice dentro dos períodos de subscrición estipulados pola normativa do plan anual vixente establecido polo Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación. A contratación da póliza constitúe unha declaración do asegurado de que reúne os requisitos esixidos nas normas reguladoras sobre subvencións e axudas públicas.

Coa aprobación destas axudas, a Administración autonómica consolida o seguro agrario como ferramenta eficaz e fiable diante dos riscos naturais no sector, permitindo aos agricultores e gandeiros a obtención de rendas dignas en caso de sinistros e aportando estabilidade á xestión das súas explotacións.