Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

A Deputación lanza en Fitur a campaña Lugo, provincia románica

Por 20 Xaneiro, 2023Sin comentarios

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou este xoves no stand de de Galicia na Feira Internacional de Turismo (Fitur) a nova campaña de promoción turística lanzada pola institución provincial, Lugo, provincia románica, coa que dá un novo paso na súa estratexia para impulsar o turismo de calidade e sostible. Así o explicou Tomé Roca na presentación deste mediodía, na que estivo acompañado polo protagonista da campaña, o actor Chechu Salgado, natural de Sober e que foi distinguido co Goya ao Mellor Actor Revelación no 2022.

“Chechu Salgado é un bo representante do gran talento emerxente que temos na provincia de Lugo, neste caso, no audiovisual. Por iso, parecíanos o mellor embaixador posible para facernos mirar cos ollos e valores de hoxe o rico patrimonio centenario da nosa provincia”, loou Tomé Roca, que destacou que a presencia da Deputación en Fitur “un ano máis, representa unha nova etapa no desenvolvemento do modelo de turismo sostible e de calidade que vimos fomentando”.

O promocional da Deputación, tal e como relatou o propio actor sobre o escenario de Fitur, amosa a viaxe sensorial de Chechu Salgado pola provincia. Un audiovisual no que a paisaxe e o rico patrimonio do territorio acompañan ao intérprete para compartir cos espectadores a experiencia única que viven os visitantes que escollen Lugo como destino turístico. 

Tomé Roca defendeu que este tipo de turismo “conxuga o respecto ao medio ambiente coa posta en valor do patrimonio cultural. Un modelo que xera riqueza e emprego de calidade e que convértese nun elemento fundamental para envorcar as dinámicas demográficas do rural, ofertando á mocidade posibilidades de negocio e proxectos de futuro alí onde teñen as súas raíces”.

Sobre a iniciativa da Deputación, o Presidente explicou que “este ano optamos polo románico como fío condutor da nosa proposta”. Sinalou que “Lugo é unha das provincias españolas nas que este estilo, ligado ao Camiño de Santiago, deixou maior número de monumentos. Unha concentración que sitúa a zonas como a Ribeira Sacra entre os grandes polos do románico a nivel de toda Europa”.

“Aproveitando toda esta riqueza, apostamos por un turismo non masificado, personalizado, no que cada turista deseñe a súa propia experiencia, que elixa cales dos centos de templos e mosteiros repartidos pola nosa provincia quere visitar”, apuntou José Tomé, que sinalou que “para facilitar esta labor, desde a Deputación preparamos xa diferentes rutas do románico pola provincia e publicamos guías actualizadas sobre este patrimonio que están tendo gran acollida”.

Neste sentido, o mandatario provincial engadiu tamén que a entrada na Ruta Transrománica –recoñecida polo Consello de Europa- converteu á provincia de Lugo no primeiro territorio de Galicia e o terceiro de toda España en formar parte desta iniciativa, “que supuxo un salto cualitativo e cuantitativo moi importante na promoción do patrimonio románico da provincia como recurso turístico”.

Convidou o Presidente a “poñerse na pel do mozo curioso que interpreta Chechu Salgado no audiovisual que presentamos hoxe, e que saian a descubrir os segredos do románico da provincia de Lugo. Son tesouros á vista de todos, pero agochan marabillas que cada un descobre por primeira vez. Invítolles a que, coas igrexas e as pedras, percorran os camiños, cheguen aos pobos, falen coa xente, desfruten da comida, do viño, e que se senten un anaco a coñecer a nosa mellor historia e as nosas tradicións”.

Concluíu Tomé Roca que “falando do Lugo que fomos onte e do Lugo que fomos hoxe, seguro que atopamos as claves para seguir construíndo a provincia de Lugo de progreso que queremos seguir sendo no futuro”.

Avances no Plan de Sustentabilidade da Mariña

O mandatario provincial asistirá esta tarde á presentación da campaña Descubre A Mariña Lucense. Vive o norte de Galicia organizada pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense. Unha estratexia turística que ten por obxectivo incrementar o recoñecemento e a notoriedade do destino, reforzando o posicionamento da Mariña. A Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, dará conta dos avances do Plan de Sustentabilidade Turística que lle foi concedido polo Goberno de España a través do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo para potenciar a zona norte da provincia.

O Presidente destacou neste sentido que, no marco do seu apoio constante ao turismo e aos concellos, a Deputación de Lugo aporta 81.000€ á Mancomunidade para que poida materializar precisamente ese conxunto de medidas.

Expomar 2023

Tomé Roca pechará a axenda en Madrid esta tarde coa presentación da décimo novena edición da feira náutico pesqueira na Casa de Galicia. O Alcalde de Burela, Alfredo Llano, sinalará as principais novidades deste ano que se celebrará do 10 ao 13 de maio. Destacou o Presidente a relevancia da pesca para a economía da provincia, enmarcando precisamente a achega de 12.000€ da institución provincial para a celebración desta cita na colaboración continua da Deputación ao sector.