Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Tomé defende no Comité Provincial as aspiracións do PSOE ante os próximos comicios

Por 22 Xaneiro, 2023Sin comentarios

“Os nosos obxectivos son presentar candidatura socialista nos 67 concellos da provincia, acadar representación municipal en tódolos concellos, manter e reforzar as alcaldías actuais, sumar novas alcaldías, e asegurar a continuidade dun goberno de esquerdas e presidido por socialistas na institución provincial”.

Os socialistas da provincia afrontan con forza e  optimismo ás vindeiras eleccións municipais. Así o manifestou o Secretario Xeral do partido na provincia, José Tomé Roca, no Comité Provincial celebrado este sábado en Lugo, no que remarcou que “as políticas socialistas son a única arma de esperanza para unha grande maioría social que tamén ten dereito a unha vida digna e a poder avanzar en igualdade, dereitos e oportunidades”.

O líder socialista dixo na súa intervención diante dos militantes “que no noso ADN político están a liberdade e a igualdade e tamén o benestar de todas e de todos, especialmente daqueles que máis necesitan da política e da democracia para vivir dignamente. Temos, pola contra, unha dereita españolista e excluínte, a dereita do PP de Feijóo que nin está nin se lle agarda”.

En clave municipal dixo que “debemos saír con forza renovada iniciando un tempo de traballo continuado ata o 28 de maio, onde teremos que afrontar o desafío de reforzar o noso liderado municipal e consolidar a confianza maioritaria dos nosos veciños. E incidiu, “partimos dunha situación orgánica e institucional que nos sitúa como primeira forza política da provincia, gobernamos o maior número de cidadáns, un gran número de concellos, as principais vilas e centros comarcais, a capital e a propia Deputación Provincial”.Contamos con máis de 300 cargos públicos, o poder inesgotable da militancia, con máis de 2.000 militantes, e un apoio social importante, apoio que deberemos engrandecer para acadar os resultados necesarios para este proxecto de progreso e modernización que ambicionamos como partido dos socialistas lucenses”.

Obxectivos municipais

Tomé Roca marcou os obxectivos de cara ás eleccións municipais. “Temos un gran partido, temos xestión máis que suficiente e temos uns obxectivos electorais claros que acadar nas eleccións de maio. Queremos presentar candidatura socialista nos 67 concellos da provincia, acadar representación municipal en tódolos concellos, manter e reforzar as alcaldías actuais, sumar novas alcaldías e por ultimo, asegurar a continuidade dun goberno de esquerdas e presidido por socialistas na institución provincial”.

Recortes do PP

O líder socialista criticou ás políticas de recortes do PP. “Nada xustifica a falta de médicos, pediatras e mestres ou peche o de escolas e centros médicos, tampouco a insuficiencia de prazas en residencias públicas de maiores.  E si falaramos das infraestruturas autonómicas, onde quedan a Ronda Leste de Lugo, a  Vía de Alta Capacidade da Costa ou o Porto Seco de Monforte? Ou onde están os miles de rapaces suficientemente preparados e obrigados a emigrar (200.000) ou os miles e miles de empregos destruídos nestes anos de Goberno popular?”

Tamén puxo en valor o traballo do Goberno de Pedro Sánchez, “que tivo que afrontar as dramáticas consecuencias dunha pandemia descoñecida e dunha guerra”. “Como socialistas podemos sentir orgullo de telo feito con serenidade e firmeza, co maior escudo social da nosa historia para protexer ás familias, e tamén apoiar ao tecido empresarial. Nós non somos a dereita, nós non somos como o PP que noutros tempos tamén de crise, naqueles do Rajoy e compañía, reaccionaban aplicando recortes sociais, rescatando bancos ou subindo impostos”, incidiu.

Medidas progresistas

O Secretario Xeral argumentou que “este país avanza porque os socialistas traballamos na protección das clases traballadoras e das familias máis vulnerables con medidas económicas e sociais que inciden directamente na mellora da súa vida”. E citou a modo de exemplo a gratuidade no transporte ferroviario de proximidade, as rebaixas no transporte público (ata un 50%), os descontos nos prezos dos combustibles, a redución no IVE eléctrico, o bono social eléctrico e térmico, a redución no IVE de alimentos básicos, a bonificación de combustible ao transporte, agricultura e pesca, o aumento das becas e axudas directas a rendas baixas, o aumento do Ingreso Mínimo Vital (15%), a revalorización das pensións (8´5%), ou a paga solidaria (200€) para familias.

Xestión exemplar dos alcaldes socialistas

Po último, enviou unha mensaxe a toda a militancia: “imos gañar as eleccións municipais, porque temos un gran partido e porque a xestión dos nosos alcaldes e alcaldesas foi exemplar, son realmente o orgullo e forza da nosa organización. Imos gañar estas eleccións municipais, imos gobernar máis concellos nesta provincia e de novo gobernaremos a Deputación provincial. O noso partido ten que actuar coma un instrumento de acción electoral, social e política, traballo, traballo e máis traballo. Hai que seguir traballando, a ilusionar e a seguir construíndo provincia, a seguir construíndo país”, incidiu.