Skip to main content
A Fonsagrada

A Deputación garante o servizo na residencia da Fonsagrada

Por 24 Xaneiro, 2023Sin comentarios

A Deputación de Lugo tras a distribución entre a veciñanza da Fonsagrada dunha nota do BNG do municipio sobre o Residencial Rois declara que “garante que manterá con total normalidade o servizo e o funcionamento da residencia da Fonsagrada, que está a prestar unha excelente atención aos usuarios e usuarias e ás súas familias, como así constatan eles mesmos, ademais de xerar emprego e actividade económica no concello”.

Un procedemento xudicial orixinado hai máis de seis anos (procedemento 983/2016) no Xulgado de Primeira Instancia Nº 1 de Lugo pola vía civil deu lugar a unha sentenza deste tribunal que foi ratificada pola Audiencia Provincial de Lugo, na que se determina a existencia dun retranqueo insuficiente por un problema de medicións no momento da construción entre o edificio da residencia e o edificio dunha vivenda anexa.

A devandita sentenza está en fase de execución (procedemento 227/2022), que se segue ante o propio Xulgado de Primeira Instancia número 1 de Lugo. Fase de execución na que a institución provincial xa “emitiu os informes técnicos, xurídicos e sociais que acreditan a imposibilidade de executar a sentenza nos termos contemplados na mesma, e polo tanto para que en ningún caso se produza ningunha afectación ao edificio da residencia”. A maiores disto, a Deputación “expropiou xa o edificio do que xurdía a obriga de retranquear o inmoble da residencia, polo que a vivenda e a parcela pasan a ser de propiedade da institución provincial e
serán incorporadas aos equipamentos dotacionais do propio centro de maiores”.

Dende a Deputación piden ao BNG da Fonsagrada “non crear alarma nos cidadáns, porque non vai ocorrer nada do que sementan dúbidas. Non todo vale en política, e menos cando se trata de asuntos tan sensibles como os servizos de atención ás persoas maiores”.

A Deputación de Lugo “lamenta profundamente a manipulación que se trata de facer dunha situación que vai solucionar, e que en ningún caso dará lugar a demolición algunha; pide máis rigor e responsabilidade; e traslada unha mensaxe de tranquilidade aos usuarios e usuarias do Centro de Atención a Maiores e ós seus familiares, así como ao conxunto dos veciños da Fonsagrada, porque a residencia seguirá funcionando e farao tan ben coma sempre”.

Pola súa parte o BNG declara que achegaron o boletín á veciñanza para “informar da sentenza sobre o residencial Rois e a súa resolución, a cal dálle a razón aos veciños estremeiros, e pon como resolución a demolición parcial da parte de atrás da residencia” e declaran que “a nosa obriga e responsabilidade é informar e esixir transparencia, por isto ao ter constancia, procedemos a informar ás veciñas e veciños. Se non fora polo noso boletín, continuaría no descoñecemento”.