Skip to main content
GuntínLugo

Avanzan os traballos de renovación da estrada provincial que une Lugo con Guntín

Por 18 Xaneiro, 2023Xaneiro 25th, 2023Sin comentarios

Os traballos de renovación da estrada provincial que une Lugo con Guntín, a LU-P-2901, ao seu paso polo Burgo, continúan avanzando, así o constataron de primeira man a rexedora de Lugo, Lara Méndez, o tenente de alcaldesa, Miguel Fernández e o presidente da Deputación, José Tomé, que supervisaron a execución dos labores.

Unha intervención que, segundo Lara Méndez, ten unha gran transcendencia “en tanto esta estrada non só dá servizo a máis de media ducia de parroquias lucenses como San Xoán do Alto, O Burgo, Bacurín, Poutomillos e San Pedro de Mera senón tamén doutros concellos, como o de Guntín, mellorando as comunicacións e a seguridade viaria nunha zona que soporta moita densidade de tráfico e na que, ademais, temos constancia da presenza de moitas explotacións agropecuarias”.

A alcaldesa incidiu no feito de que o seu acondicionamento “reverterá na calidade de vida das e dos veciños do rural, contribuirá a incrementar as dotacións para diminuír a brecha de infraestruturas que aínda existe entre os núcleos e a contorna urbana, ao tempo que redundará igualmente no aspecto turístico e patrimonial ao contar, esta vía, con outra peculiaridade máis como é que parte do seu itinerario coincide en moitos treitos co Camiño Primitivo”.

Pola súa parte, o concelleiro responsable de Medio Rural, Miguel Fernández, fixo fincapé en que a obra foi un compromiso da rexedora coa veciñanza ao que foi receptivo a Deputación e incidiu na importancia da colaboración institucional, de maneira que “nun momento coma este, de recuperación dos municipios, as Administracións temos a obriga de camiñar da man para acadar un maior aproveitamento dos recursos públicos. Por iso, logo de ir avanzando anteriormente noutras fases de mellora desta estrada, para o Concello de Lugo resultaba fundamental que se atendera esta demanda cidadá que dende hai tempo a veciñanza nos viña solicitando, como así llo fixemos chegar á Deputación”, salientou o edil.

Precisamente, o presidente do organismo Provincial, José Tomé, explicou que con esta actuación se está a rexenerar un novo tramo de preto de 8 quilómetros (entre os P.K. 5,5 e 13,1) ao seu paso polo concello lucense e destacou que esta actuación, á que a Deputación destina 350.000€, “demostra unha vez máis o continuo compromiso que mantemos na mellora da mobilidade, e polo tanto, na mellora da calidade de vida dos seus veciños e veciñas. Hoxe falamos desta importante obra para Lugo, que encaixa moi ben no traballo que vén desenvolvendo a alcaldesa neste mesmo sentido”, incidiu.

“A mobilidade mellora a vida da xente, axuda a fixar poboación, dinamiza a economía e o emprego, e fai competitivo a un territorio”. Por iso, na Deputación de Lugo “traballamos para seguir avanzando por manter no mellor estado as vías de comunicación da nosa provincia”. Un esforzo económico moi importante, recalcou o máximo mandatario provincial “que se reflicte no Orzamento total da Deputación xa que dedicamos un terzo a este eido, é dicir, en torno a 30 millóns de euros ao ano”.

As tarefas de rehabilitación do firme consisten na pavimentación con aglomerado en quente, a reapertura de cunetas e, finalmente, a colocación da sinalización horizontal mediante marcas reflexivas brancas. Durante esta actuación tamén se realizan tarefas de limpeza para garantir a drenaxe nesta vía provincial.

“A Deputación suma, así, xa 610.000€ de investimento no que vai de mandato nesta estrada para manter o tránsito dos usuarios e usuarias coas mellores garantías de comodidade e seguridade”, sinalou.

En concreto, a institución provincial destinou 175.000€ para a mellora da pavimentación do firme con aglomerado entre os quilómetros 21,370 ao 25,000. Un investimento moi importante para a zona porque esta estrada provincial dá servizo ás parroquias palenses de Augas Santas, O Carballal e San Cibrao da Repostería e tamén é moi empregada polos peregrinos por situarse ao pé do Camiño de Santiago.

Ademais, estas obras dan continuidade ás acometidas pola Deputación noutro tramo da LU-P-2901, o situado entre os puntos quilométricos 3,340 e 5,400, á altura do concello de Lugo, no que a institución provincial destinou 85.000€ á mellora do firme co extendido de aglomerado en quente e a renovación da sinalización nestoutra parte da estrada.