Skip to main content
Lugo

Entrevista: “Tentamos transmitir non só o judo como deporte, senón todos os valores que hai detrás desta práctica”

Por 14 Xaneiro, 2023Xaneiro 15th, 2023Sin comentarios

Judo Lugo leva dende o ano 1981 ensinando este deporte na cidade amurallada, falamos con Iván Carballeira, actual coordinador e adestrador do club.

Como son os comezos de Judo Lugo?

Judo Lugo nace con Amador Trillo, actual presidente e fundador do club cando vén de Ferrol. El facía judo e por tema de mercado decide instalarse en Lugo no ano 1981, concretamente na rúa Ourense. Eu comezo como alumno, con cinco anos, tamén no ano 1981 e son un dos primeiros alumnos.

No ano 1991 o club trasládase á rúa paralela, rúa Mondoñedo, cando se montou tamén un ximnasio onde por aquel entón a muller de Amador daba algunhas clases como aeróbic. Actualmente continúa como ximnasio e club de judo. Durante unha tempada na que o judo perdeu algo de forza déuselle un pouco máis de espazo á parte do ximnasio, pero posteriormente coa chegada dos ximnasios de baixo custo, a parte de judo volveu coller moita forza.

Desde hai uns anos Amador está nun papel máis secundario e fun collendo eu un pouco as rendas, somos un grupo, pero eu son a cara máis visible.

Cantas persoas forman parte actualmente do club?

Todos os anos estamos a ter entre unhas duascentas trinta ou duascentas cincuenta licenzas, todo o mundo pensa que o judo é un deporte minoritario, pero non é así, é un deporte pouco coñecido pero non minoritario. A nivel nacional somos o sexto deporte en número de licenzas aínda que coa pandemia os deportes de contacto sufrimos un pouco e perdemos nenos.

En cantas competicións están presentes?

En Judo Lugo competimos en todas as categorías, comézase a competir de forma oficial en infantil e logo continúan en cadete, júnior e sénior. Temos un grupo moi bo en infantil, en cadete máis frouxo porque é unha xeración moi afectada pola pandemia. En júnior hai tamén un bo grupo pero que están nun momento de estudos complicado con segundo de bacharelato. Fóra da competición oficial os alevíns e benxamíns tamén participan nalgunhas xornadas de competición entre clubs.

Este ano tamén clasificamos para o Campionato de España sénior, que é moi complicado por un sistema no que hai moi poucas prazas, a Marina que aínda está no seu primeiro ano júnior. A miña sobriña Laura, que é sénior, quedou de segunda terceira.

Que diferenza ó Judo doutros deportes?

O judo é un deporte que desde pequeno afaite ao contacto físico, a agarrar, a estar uns encima doutros e iso é algo que aos nenos cústalles moito. Tamén é moi boa axuda para a percepción espacial e aprendes a caer cando te tiran, a caer e a levantarte unha e outra vez.

A pesar de que somos un deporte individual é moi necesario o grupo, adestramos uns cos outros polo que é moi importante o equipo. Nós adestramos todos xuntos e con cada compañeiro fas un traballo especifico, adestramos todos os días da semana e iso permítenos dividir e facer tres días un adestramento máis técnico onde se xuntan os que están a empezar en clase de adulto e logo outros dous días facemos un adestramento máis especifico e enfocado á competición.

Outra cousa moi positiva do judo é que ao non ter que cumprir uns estándares físicos específicos ten cabida todo o mundo, hai moitas categorías e todo o mundo ten o seu espazo. Iso fai que o judo sexa un deporte moi inclusivo e é algo que tamén tentamos transmitir non só o judo como deporte, senón todos os valores que hai detrás desta práctica.

A nivel deportivo o judo é un deporte tacticamente moi complexo. Á hora de competir sábese con moi pouca antelación quen vai ser o teu rival entón podes estar por exemplo nunha categoría de máis de 78kg onde o teu rival pode pesar 80, 100 ou 120 quilos e medir 1,80, 1,50 ou 1,10. Pode ser destro ou zurdo, un destro que agarra arriba ou que agarra abaixo e cada persoa é un mundo. Por tanto tacticamente preparar eses combates é moi difícil e esa parte táctica tamén é moitas veces a máis complicada de adestrar.

Cales cree que son as maiores dificultades para desenvolver este deporte en Lugo?

Pois nós en particular temos un problema grande para poder conseguir un pavillón cando o necesitamos para levar a cabo algunha actividade, que son dúas veces ao ano. Para os adestramentos e o día a día o club dispón das súas propias instalacións pero para algún evento específico en momentos moi puntuais do ano necesitamos instalacións e cústanos moito conseguilas, non só por parte do Concello, que son os responsables, senón tamén por parte doutros clubs que moitas veces non son capaces de cambiar de pavillón un día.

Economicamente non temos moitos problemas tampouco, poderíannos dar máis, pero non hai unha queixa con respecto a iso. A maior queixa que teño é o difícil que é conseguir pavillóns, pero é que tampouco os hai, eu tamén o entendo.

Logo a nivel social temos que mellorar e conseguir mais apoio. Aí temos que mirar un pouco os erros que estamos a cometer, non vendemos nada o deporte e moita xente segue pensando que no judo hai patadas e puñadas, que si existe unha parte do judo mais enfocada a defensa persoal pero que nós non traballamos. A nós gústanos mais enfocarnos na parte do deporte de competición.

Calquera persoa pode empezar en calquera categoría?

Si si, é mais, desde a pandemia comezou moita xente nova, algo que me parece mentalmente moi difícil. Temos un grupiño de xente que empezaron de maiores que a min déixanme alucinado. Pódese empezar desde calquera idade, e adaptámonos un pouco a eles, ademais temos a sorte de que somos dous adestradores co cal podémonos dividir e dedicarlle a todo o mundo un pouco de tempo individual.

Un momento que garde con especial agarimo despois deste anos?

O campionato de España que gañou Sara Álvarez despois de catro anos de parón. Cando Sara queda campioa de España, polo que significa, non polo campionato en si, que ela é quince veces campioa de España. Volveu despois de catro anos e quizais só ela e eu sabemos o que falamos, o que lle custou volver, o que se esforzou por volver e o que nos custou que fose campioa. Estivo moito tempo parada despois dunha lesión moi grave, o momento da súa lesión en París para a min é o peor momento da miña vida no judo, o peor con moita diferenza.

Logo momentos co Judo Lugo todos, eu gozo moito todos os días, o judo a min marcoume a maneira de vivir, eu practico moitos deportes pero non é o mesmo. O ambiente, os amigos, a familia o grupo para min é todo. Os amigos que teño destes anos do judo son tamén os meus mellores recordos.