Skip to main content
Lugo

A posible volta de Besteiro revoluciona a política en ano electoral

Por 1 Xaneiro, 2023Xaneiro 2nd, 2023Sin comentarios

O pasado 21 de decembro o xulgado número dous de Lugo decretou o sobresemento provisional da causa sobre presuntas adxudicacións ilícitas realizas no ámbito do programa KM0 da Deputación de Lugo. Esta era a última causa xudicial que tiña pendente José Ramón Gómez Besteiro, que fora presidente da Deputación de Lugo e secretario xeral do PsdeG e que o apartaran da política cando se postulaba para a loita pola presidencia da Xunta de Galicia.

Besteiro anunciou a súa retirada das primarias do PSdeG, coa vista posta nas eleccións autonómicas, tras coñecerse no 2016 que a xuíza Pilar de Lara o citaba a declarar dentro do caso Pulpo como presunto autor de delitos de prevaricación, tráfico de influenzas e malversación de fondos públicos, entre outros, cando estaba á fronte da Deputación de Lugo. Esta causa sumábase a outra pendente, aberta tamén por de Lara, cando formaba parte da Concellería de Urbanismo do Concello de Lugo.

Agora, con todas estas imputacións sobresidas e a total retirada de cargos sobre Besteiro a política local e incluso autonómica vese revolucionada pola súa posible volta ás primeiras filas do PSdeG e durante estes días un gran número de voces socialistas puxeron en valor a figura de Besteiro.

O actual secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, comentou que estaba disposto a dar un paso atrás si Besteiro quere presentase como candidato á Xunta e que apoiaría ao exlíder do partido “por xustiza e lealdade persoal” xa que o considera “un activo político enorme para o PSOE”.

José Tomé, presidente da Deputación de Lugo, tamén amosou o seu apoio a Besteiro “é un gran valor que ten o partido socialista e que non teñen outros partidos. Creo que hoxe, e todos estes días, non creo que estean moi contentos no PP porque, aínda que foi moi tarde, a xustiza tomou a decisión que tiña que tomar”.

O presidente da Deputación añadiu “aínda que fose tarde, fíxose xustiza. A xustiza deu o paso que tiña que dar hai moitos anos. Non se pode ter a unha persoa que non ten indicios de nada sete anos como estivo bloqueado o compañeiro José Ramón” ao que considera “un bo candidato para todo”.

A voceira da Deputación de Lugo, Pilar García Porto, tamén realizou comentarios sobre o sobresemento de todos os cargos contra Besteiro e declarou “ unha alegría inmensa” aínda que lamentou que “todo este proceso fose tan longo xa que foi duro e difícil”.

Outros cargos políticos do PSOE tamén amosaron o seu apoio a Besteiro así Xosé Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago, declarou que ten “unha gran confianza e unha gran apertura” sobre a volta á primeira liña política e que “será el mesmo quen deba decidir a que quere aspirar”.

Javier Cerqueiro, o deputado do PSOE no Congreso considera que “é un activo político que pode modificar moitas cousas en Galicia” e o secretario do PSdeG, Jose Manuel Lage, declarou que “cando tes a Messi no equipo tes que poñelo a xogar”.

Algún dos representantes da política local tamén quixeron amosar o seu apoio ao que fora concelleiro de Urbanismo en Lugo como o exalcalde López Orozco quen asegurou que Besteiro “ten futuro na política galega” por ser “unha persoa xoven e con experiencia”

A actual alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, tamén fixo declaración sobre o tema de actualidade e afirmou que “creo en Besteiro e gustaríame que dese o paso para estar en primeira liña da acción política”.

A edil tamén fixo referencia ás consecuencias deste proceso para Lugo:“poñer novamente o foco nesas malas praxis que se veñen desenvolvendo e que o único que buscan é un rédito político sen pensar no dano causado a toda unha cidade ante a falla de inversións polo medo e inseguridade xurídica que se estaba dando naquel momento”.

O sobresemento da imputación sobre Besteiro chega para revolucionar o panorama político de cara ás vindeiras elección municipais xa que dende o PSOE atribúen a Elena Candia, candidata do PP á alcaldía de Lugo, a responsabilidade de enviar os anónimos sobre os que se baseou a acusación.

“Estas causas foron inducidas por anónimos, e no ano 2016 quen era responsable do PP e portavoz na Deputación, Elena Candia, tamén trasladaba eses anónimos ao xulgado para tentar enturbar e tentar conseguir nos tribunais o que non conseguía nas urna” declarou Tomé. Lara Méndez tamén añadía que Candia “debería de pensar se aqueles anónimos que ela mesma, non sei si autoinventados ou non, pero que si levou á xustiza, o dano que fixeron e se lle gustaría que llo fixesen a ela”.