Skip to main content
Lugo

Lugo conta dende cun novo xulgado de Primeira Instancia

Por 2 Xaneiro, 2023Xaneiro 3rd, 2023Sin comentarios

Lugo conta dende hoxe cun novo Xulgado de Primeira Instancia, o número 6, así o destacou a subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, nunha visita esta mañá ás instalacións que acollen estas dependencias xudiciais, situada na sede dos Xulgados de Lugo, e na que tamén participaron a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, José María Gómez y Díaz-Castroverde, o presidente en funcións da Audiencia Provincial de Lugo, Edgar Armando Cloos; a xuíza decana de Lugo, Olalla Díaz; o fiscal xefe de Lugo, Roberto Brezmes, e o director xeral de Xustiza, José Tronchoni, así como outras autoridades.

“Estamos de parabén, pois hoxe bota a andar unha nova unidade xudicial moi necesaria para os lucenses, coa que desde o Goberno buscamos atender, aliviar e resolver a carga de traballo existente na Administración de Xustiza en Lugo”, manifestou a subdelegada que explicou que esta nova dotación amosa a aposta do Executivo Central co servizo público de Xustiza e subliñou que “é un avance para seguir impulsando a transformación que está a vivir o sector no noso país”.

Isabel Rodríguez explicou que, coa creación do Xulgado de Primeira Instancia número 6 de Lugo, o Ministerio de Xustiza cubre unha necesidade xerada pola acumulación de procedementos na xurisdición de Primeira Instancia, unha das que soporta maior carga de traballo, agudizada polos procedementos suspendidos durante os meses da pandemia. “Grazas a este novo órgano xudicial os profesionais darán saída áxil aos volumes de traballo acumulados, cubrindo as necesidades existentes, e os cidadáns verán unha xustiza máis eficaz e eficiente, garantindo a efectiva protección dos seus dereitos”, engadiu a subdelegada.

Tal e como informou Rodríguez, este novo xulgado en Lugo forma parte da execución por parte do Ministerio de Xustiza de 70 novas unidades xudiciais en toda España, 3 en Galicia (Lugo, A Coruña e Vigo), correspondente á programación de 2022 e adecuación á planta xudicial. Concretamente, o sexto Xulgado de Primeira Instancia ten competencias en asuntos relativos ao dereito de familia, ás medidas de apoio ás persoas con discapacidade no exercicio da súa capacidade xurídica e internamentos, tal e como publicou o Ministerio no BOE.

Así mesmo, Isabel Rodríguez trasladou a máxima colaboración do Goberno para atender calquera incidencia que poida xurdir e que poidan atender dende as súas competencias, pois quen ten transferidas as competencias en materia de Xustiza é a comunidade autónoma.

O Ministerio de Xustiza puxo en funcionamento durante este mandato 2 novos xulgados en Lugo. Ademais do recente Xulgado de Primeira Instancia nº6, o Goberno aprobou a posta en marcha do 4 Xulgado do Social para Lugo, que leva en servizo dende o 31 de marzo de 2022.

“O Goberno de España cumpre, unha vez máis, cos veciños e veciñas de Lugo e cos compromisos adquiridos, demostrándoo con feitos e impulsando a administración xudicial co fin de mellorar a capacidade de resposta e reducir o número de asuntos pendentes nos xulgados”, afirmou a subdelegada.