Skip to main content
Lugo

O HULA contará con 340 novas prazas de estacionamento gratuíto

Por 3 Xaneiro, 2023Sin comentarios

O Concello de Lugo habilitará 340 novas de prazas de estacionamento gratuítas na contorna do Hula, así o anunciaba hoxe a rexedora local que abriu o proceso de licitación para contratar os traballos de creación dun novo estacionamento nas inmediacións do centro sanitario. O recinto ocupará dúas parcelas que no seu conxunto suman 11.510 m² con capacidade para máis de 300 vehículos.

“Sempre baixo a premisa de maximizar o seu rendemento, dunha forma práctica e cómoda para as persoas usuarias, a intervención procurará, na medida do posible, alterar minimamente o perfil topográfico do terreo para axustarnos ás limitacións urbanísticas que continúan en vigor. Condicionantes que, por outra parte, non nos impediron atender con toda a celeridade posible as necesidades que nos comunica a cidadanía e que, neste caso, queren paliar o elevado custo que segue a ter o parking soterrado do Hospital e que obriga a profesionais sanitarios e pacientes a buscar alternativas na vía pública”, apuntou Lara Méndez.

A alcaldesa lucense referiu que a intervención tratará de manter ao máximo a configuración da superficie aínda que nalgunhas zonas, nas que aparecen promontorios ou foxas, procederase á súa nivelación para facilitar o uso. “En canto aos materiais de acabado, estes serán similares aos das zonas pavimentadas da contorna, como xabre ou áridos extraídos na escavación, para minimizar o impacto visual”, explicou.

As limitacións que impón a actual ordenación do chan, obrigan a fundamentar os traballos na execución de movementos de terras para explanar a plataforma, da que inicialmente será retirada unha parte importante da capa vexetal e das árbores que contén. Esta terra utilizarase para regularizar diferentes zonas da parcela, antes de preoceder á súa nivelación e darlle un acabado con 25 centímetros de saburra artificial.

En canto aos accesos á nova área de estacionamento, Méndez avanzou que “se procurará unha entrada ao recinto polo extremo Norte, a partir da vía asfaltada, colocando filas dobres de aparcamento en batería paralelas á rúa Doutor Ulises Romero, no caso do predio da dereita; mentres que no da esquerda optouse por distribuír as prazas de forma paralela ao camiño de acceso, conseguindo con esta organización 340 prazas de 5×2’50 metros”, indicou a rexedora ao tempo que apuntou, alén, que os labores de acondicionamento terán un prazo de execución de 4 meses e suporán un investimento municipal de 193.946 €.

A alcaldesa lembrou que, actualmente, nas inmediacións do centro sanitario hai xa máis de medio milleiro de aparcamentos de balde “logo de que repintásemos as marcas viarias que circundan o HULA, para gañar 150 espazos, aos que cómpre sumar as 363 prazas que se habilitaron no parking creado xusto diante das instalacións”.

“A nosa intención é, ademais, que cando se aprobe o 5% restante do PXOM, toda vez que a nova catalogación do solo– que actualmente é rústico, de especial protección – pase a clasificalos como zona de equipamentos, estes dous recintos se convertan dun xeito definitivo en estacionamentos pavimentados, perimetrados e coa sinalización correspondente, etc.”

Antes de rematar, a rexedora adiantou tamén que o Executivo local solicitará unha autorización para colocar cámaras de vixilancia tanto no actual aparcadoiro como no que se vai construír co obxectivo de incrementar a seguridade que actualmente desenvolven a Policía Local e o resto de Corpos con competencias en materia de orde pública.