Skip to main content
Lugo

O Concello comezou a instalación de colectores de aceite doméstico

Por 14 Xaneiro, 2023Xaneiro 15th, 2023Sin comentarios

O Sagrado Corazón é o barrio onde LuceLugo o novo servizo de limpeza e recollida de lixo comezou a instalar os colectores de aceite doméstico que estarán en diferentes rúas da cidade.

En total, colocaranse medio centenar de recipientes na zona urbana de 240 litros de capacidade, que quedarán listos nas vindeiras semanas. Os primeiros ubicaranse nas contornas próximas aos centros escolares. Está previsto que no mes de marzo se instale outro medio centenar nas parroquias do rural, segundo avanzou a alcadesa, Lara Méndez.

Méndez informou que “Lugo é a primeira cidade de Galicia que dispón de colectores aos que se lle aplica un recubrimento especial chamado PurifAir, que limpa o aire dos contaminantes habituais na atmósfera contribuíndo a eliminar a contaminación no ambiente ate un 70%, seguindo a liña de acadar ese municipio máis sostible e sa para a cidadanía na que estamos a traballar desde o mandato pasado ”.

Neste senso, destacou que cada unidade mitiga a contaminación anual dun coche e purifica o aire na mesma proporción que o farían 10 árbores, polo que, en total, todos os que se instalen na zona urbana suporán a acción de 500 novos árbores, que se duplicará cos colectores que se instalen no rural. “A sostibilidade forma parte de toda a nosa acción de Goberno, e a innovación na mellora medioambiental e en termos de saúde é para nós prioritario”.

A alcaldesa explicou que, a maiores destes colectores, o Concello porase en contacto con asociacións, comunidades de veciños e grandes xeradores de aceite para “animalos a reciclar o aceite doméstico e facilitarlles un recipiente”.

Os novos colectores están dotados de sistema antivandalismo que impide a apertura e extracción do material. Só débese depositar aceite usado de cociña e non aceites de motor, e sempre dentro dunha botella de plástico ben pechada, preferiblemente transparente. É conveniente evitar o cristal, que podería romper ao precipitarse ao interior.

A alcaldesa e o concelleiro de Medio Ambiente animaron a utilizar este novo recurso, lembrando que unha familia de catro membros é capaz de xerar ata 250 litros de aceite usado ao ano, e que un litro de aceite botado polo fregadero contamina ata 1.000 litros de auga, “o equivalente ao que bebería unha persoa nun ano e 3 meses” pero, ademais, supón atascos e malos cheiros nas tubaxes de saneamento, dificultando tamén o funcionamento das depuradores.

O aceite reciclado será reutilizado para a fabricación de biodiésel, un biocarburante con baixas emisións de CO2. Por cada litro de aceite tratado obtense case un litro de biodiésel. A empresa PMA (Protección Medio Ambiental) será a encargada da recollida do aceite.

De maneira paralela, o Concello continua coa campaña informativa posta en marcha pola Concellería de Medio Ambiente, que inclúe o reparto gratuíto de 5.600 embudes.