Skip to main content
Lugo

O Lugar de Reque xa ten lista a programación para este ano

Por 16 Xaneiro, 2023Sin comentarios

O Lugar de Reque ten lista a súa programación para este 2023 con máis actividades, profesionais e participantes, que seguirá rexenerando este espazo público a carón do río Rato e contribuíndo a difundir coñecementos e ferramentas ligadas á sustentabilidade en todas as dimensións, desde a saúde ou o manexo de terras ata a economía.

Efrén Castro adiantou que “como gran novidade para esta tempada, impulsamos un maior número de actividades enfocadas ás etapas máis temperás, nas que contaremos con profesionais do ámbito da infancia e a adolescencia e coas que queremos facer chegar a cativos e cativas a posibilidade de desenvolver novas experiencias e ferramentas que lles axuden a integrar a ecoloxía na súa vída cotiá, adquirindo tamén valores esenciais para o coidado persoal e o coidado do planeta”

No tocante ao calendario, a programación artéllase arredor de sete ámbitos de acción que se describen desde a permacutura: saude integral, terras e natureza, comunidade, educación e cultura, tecnoloxía, hábitat e economía social.

Os meses de xaneiro e febreiro a protagonista será a saúde integral. A xornada de poda de vimbio que se celebrou este domingo, da man de Idoia Cuesta, iniciou unha serie de propostas centradas no coidado dos ecosistemas e no coidado propio. Nesa liña, nos dous primeiros meses do ano, Reque acollerá os obradoiros Fermentados, Alucina coa Alquimia, Sons Vibracionais e Ioga para Familias, tanto para persoas adultas como para a infancia e a adolescencia.

Para os meses de marzo e abril a programación estará centrada en terras e natureza e as actividades para estes meses xirarán arredor de coñecementos e boas prácticas sobre o manexo dos recursos naturais, a produción de alimentos e outros produtos de valor biolóxico, así como o fortalecemento dunha maior conexión e entendemento sobre o mundo natural. Desenvolverase unha completa formación en compostaxe para adultos e obradoiro Sementes para os máis cativos.

A comunidade será a protagonista dos meses de maio e xuño e neste ámbito, a formación centrarase sobre unha gran ferramenta ecosocial coñecida como Comunicación non Violenta, que contará cunha edición para adultos e outra para adolescentes.

Tamén se desenvolverá una formación de deseño comunitario, donde traballar e aprender sobre metodoloxías de proxectos sustentables, xestión de procesos colectivos e outros recursos como a sociocracia.

Xullo e agosto versarán sobre educación e cultura onde se ofrecerá un campamento permacultural de verán de 5 días, no que nenos e nenas de 6 a 12 anos poderán, disfrutar da contorna natural de Reque,  adquirindo experiencias e aprendizaxes vivenciais sobre natureza, xogo creativo, arte e permacultura.

Ademais celebrarase a II Festival Ecofamiliar Lugar de Reque, que foi acollido con gran éxito na tempada pasada e no que achegamos a tódolos públicos unha fermosa xornada chea de diversas propostas artísticas e culturais baseadas na ecoloxía a creatividade e o espírito de colectividade.

Para setembro a tecnoloxía sera o que centrará as actividades e desenvolveranse unhas Xornadas de Cociña Solar. Un evento pensado para familias e público en xeral, no que a xente poderá achegarse a disfrutar dunha demostración de diferentes enxeños solares, así como a cociñar os seus propios pratos únicamente coa enerxía directa do sol.

Tamén se impartirá unha formación técnica na que aprenderemos a modificar as nosas estufas de ferro tradicionais, dun xeito sinxelo e a partir de materiais naturais, obtendo un maior rendemento dos recursos e maximizando o confort dos nosos fogares.

Para outubro e novembro o hábitat será o protagonista e continuarase o camiño da permacultural a través do pétalo de Hábitat, con un curso de bioconstrución para adultos e outro para nenos, que se desenvolverán nos meses de Outubro e Novembro. Nestes obradoiros teórico-prácticos, aprenderemos sobre o potencial que teñen os materiais naturais e locais para a construción, así como os criterios e estratexias que nos achega o campo da bioconstrución para construír e rehabilitar diferentes espazos desde unha perspectiva de coidado da natureza e da saúde das persoas.

Para finalizar o ano decembro trae consigo a economía social e realizarase un Encontro de Sementes, no que compartir e difundir coñecementos sobre esta peza clave para a soberanía alimentaria, recoñecendo a semente como o principio e fin da sustentabilidade e favorecendo unha rede de intercambio e recuperación de sementes autóctonas e de excelente calidade biolóxica.