Skip to main content
Lugo

Adif formaliza o contrato para suprimir catro pasos a nivel no concello de Lugo

Por 17 Xaneiro, 2023Xaneiro 18th, 2023Sin comentarios

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, anunciou a formalización dos contratos do proxecto para a supresión de catro pasos a nivel no concello de Lugo, adxudicados por 2.178.430 euros. “Compróbase, de novo, que este Goberno cumpre con Lugo e a súa provincia, avanzando na mellora das infraestruturas ferroviarias”, subliñou Rodríguez.

As actuacións previstas terán lugar na liña ferroviaria León-A Coruña, que transcorre pola capital lucense, nos puntos quilométricos 428/980, 429/811, 430/129 e 430/407. Estas obras forman parte do plan estatal do Adif para a eliminación e mellora da protección de pasos a nivel na provincia, que teñen como finalidade incrementar as condicións de seguridade das infraestruturas de transporte, tanto para o tráfico viario como para o ferroviario.

A supresión de pasos a nivel realízase atendendo á intensidade de tráfico de vehículos e trens que se rexistran en cada zona, de acordo coa lexislación establecida nesta materia. A subdelegada valorou positivamente estas obras que se enmarcan no compromiso do Goberno de eliminar progresivamente pasos a nivel na provincia de Lugo co obxectivo de reducir o risco de accidentes en zonas nas que a circulación de vehículos intensificouse nos últimos anos.

Rodríguez lembrou que estes traballos forman parte da actuación de mellora do corredor ferroviario de Lugo e Monforte de Lemos a Ourense, no que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana ten en marcha máis de 546 millóns de euros para a electrificación e modernización da vía.