Skip to main content
Lugo

Lugo contará cun paseo sobre o Sistema Solar

Por 17 Xaneiro, 2023Xaneiro 18th, 2023Sin comentarios

Esta mañá  foi presentada a iniciativa un paseo polo sistema solar, coa que a Tenencia de Alcaldía propón unha ruta pola cidade coa que coñecer os distintos planetas e corpos do sistema solar. O tenente alcalde estivo acompañado polo concelleiro Felipe Rivas, responsábel da concellería de Educación e Difusión do Coñecemento, ademais da ilustradora Noemí López, responsábel do deseño dos distintos paneis.

“Continuamos a mellorar o espazo público creando zonas de paseo para a veciñanza tal e como fixemos na Chanca e na Ponte”, explicou Rubén Arroxo, que engadiu “neste caso, contamos con 11 paneis informativos sobre os distintos corpos do sistema solar, que se ubicarán mantendo a proporción da distancia real creando unha zona de paseo de 3 km que comezará na Avenida de Fontiñas, continuando por Xosé Castiñeira e rematando na Rolda de Fingoi”.

O tenente alcalde afirmou que “esta iniciativa ten un gran potencial tanto para a veciñanza de Lugo e o turismo que se achegue á cidade como para os centros de ensino, que poderán estudar o Sistema Solar dun xeito distinto, seguindo o paseo e vendo as ilustracións de Noemí López”.

Cada un dos 11 paneis do paseo do sistema solar achegan información relevante sobre o sol, os 8 planetas, o cinto de asteroides e Plutón, como o seu tamaño, a cantidade de satélites cos que contan ou os tempos de rotación arredor do sol.

Un Paseo polo Sistema Solar é a terceira intervención deste estilo executada pola Tenencia de Alcaldía neste mandato. Nos últimos meses habilitáronse zonas de paseo nos barrios da Chanca e da Ponte con distintos paneis recollendo lendas de cada zona. Para este traballo contárase coa ilustración de Noemí López e co traballo de traballo de Antonio Reigosa no eido da investigación da mitoloxía popular e da tradición oral.