Skip to main content
Lugo

O San Froilán é protragonista na presentación de Lugo no Fitur

Por 19 Xaneiro, 2023Sin comentarios

Maite Ferreiro asistiu esta mañá á Feira Internacional de Turismo Fitur, onde Lugo mostrou o San Froilán, a gran festa do outono galego. Maite Ferreiro explicou que “o obxectivo deste ano non é novo, continuar a ensinarlle ao resto do mundo o que fai especial a Lugo e convidar a todo o mundo a descubrilo con nós, promocionando a nosa festa máis importante, unha festa que liga tradición e modernidade”. A concelleira de Turismo afirmou na presentación que “os datos están xa a demostrar que esta campaña está dando os seus froitos, e Lugo estase a posicionar como un punto importante no turismo tanto polo patrimonio co que contamos como pola proximidade co resto de Galiza”.

Ferreiro destacou que o San Froilán “marca a entrada do outono e, para moitas de nós, o comezo do ano, como se fose a entrada dun novo curso escolar, compartindo momentos e sorprendéndonos con espectáculos de todo tipo pensados para ilusionarnos, escapar da rutina e enchernos de orgullo por ser quen somos e de onde somos”. “O San Froilán é a nosa maneira de mostrarnos ao mundo”, explicou a concelleira de Cultura, que engadiu “as persoas que nos visitan durante as festas non o esquecen e levan polo mundo adiante a historia de Lugo”.

“Convidamos a todas e todos a Lugo nos seus mellores días para compartir con nós as nosas festas do mesmo xeito que levamos xa 268 anos a facelo”, declarou a concelleira de Cultura, que rematou a súa intervención afirmando que “o San Froilán é unha das festas de maior prestixio de Galiza, abrimos a porta ao inverno da mellor das maneiras, como só nós sabemos facelo, sanfroilaneando”.

A presentación do Concello de Lugo en Fitur continuou coa intervención da Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e unha proxección sobre o Arde Lucus.

“Agardamos a todo o mundo cos brazos abertos e un sorriso, e animamos a todo o mundo a coñecer o Lugo vivo, cheo de vida, moderno, afable, cómodo e acolledor que agarda por todas as persoas que nos visitan”, afirmou Maite Ferreiro durante a presentación, e engadiu “tratarémosvos da mellor das maneiras e acompañarémosvos mentres descubrides Galicia”.