Skip to main content
Lugo

Un paso peonil unirá Meilán e Garabolos

Por 20 Xaneiro, 2023Xaneiro 22nd, 2023Sin comentarios

Rubén Arroxo anunciou que nos vindeiros días comezarán os traballos para habilitar un paso peonil seguro entre Meilán e Garabolos. Arroxo explicou que “trátase dunha intervención que permitirá mellorar a unión entre a zona rural e a zona urbana de Lugo de maneira accesible, ao mesmo tempo que damos resposta a unha solicitude da veciñanza, que ata o de agora non contaba cunha ruta peonil axeitada”.

O treito a mellorar corresponde á unión entre a rúa dos Chaos, en Meilán, coa Avenida de Garabolos, unha zona na que actualmente existe un camiño de terra de ancho moi escaso. Os traballos que executará a Tenencia de Alcaldía consisten na habilitación de novas beirarrúas de formigón ruleteado en todo o treito, o que facilitará unha maior adherencia e aumentará a accesibilidade.

O ancho de todo o percorrido variará entre o 1,40 e os 2 metros, segundo a orografía do terreo. O acabado terá cor verde, o que facilitará unha mellor integración no entorno. Nas zonas xunto aos pasos de peóns, disporanse baldosas de botóns e direccionais, de acordo á normativa vixente.

“Seguimos traballando para mellorar a unión da zona urbana co rural, facilitando que a veciñanza conte con camiños que garantan a accesibilidade”, explicou Arroxo.