Skip to main content
Lugo

A brigada municipal de vías e obras atendeu case 1000 reclamacións en 2022

Por 23 Xaneiro, 2023Sin comentarios

O persoal da brigada municipal de vías e obras atendeu un total de 981 reclamacións veciñais durante o ano 2022. Arroxo destacou que “as preto de 1000 reparacións realizadas durante todo o ano proceden na súa maior parte de solicitudes da veciñanza, reparacións pequenas que melloran o día a día das veciñas e veciños de Lugo”.

A brigada de obras realizou o pasado ano un total de 295 intervencións na sinalización da cidade reparando ou substituíndo sinais ou marcas viais, ademais, melloraron 83 tapas de rexistro que producían molestias á veciñanza por facer ruído ou estar soltas. Executáronse tamén 558 arranxos en vías públicas, bolardos deteriorados, tapando fochancas ou renovando partes das beirarrúas máis deterioradas. As 45 actuacións restantes consistiron en renovacións e instalacións de mobiliario urbano, como bancos ou aparcabicis, e en outras reparacións.

“Esta brigada realiza unha importante labor de reparación nas distintas infraestruturas do concello e no mantemento da cidade”, explicou Arroxo. O Tenente Alcalde lembrou a importancia de que a veciñanza faga chegar as súas necesidades ás distintas áreas do goberno municipal. “As veciñas e veciños de cada zona saben de primeira man as necesidades da súa zona”, explicou Rubén Arroxo, que engadiu “moitas veces trátanse de pequenos arranxos, que a brigada municipal de obras trata de resolver no menor tempo posíbel para garantir o bo estado da cidade”.