Skip to main content
Lugo

A Xunta recibe catro ofertas para a reforma do Centro de Saúde da Milagrosa

Por 23 Xaneiro, 2023Sin comentarios

A Xunta recibiu catro ofertas de empresas para a redacción do proxecto da reforma integral do Centro de Saúde da Milagrosa de Lugo, cuxas obras suporán un investimento autonómico de 2,5 M€.

Trátase dos traballos que deben dar forma á completa mellora deste centro de saúde, adaptando as súas instalacións ao século XXI, optimizando espazos e asegurando a eficiencia enerxética e a accesibilidade. O contrato, que conta cun prazo de execución de 28 meses, abrangue a dirección das obras ata a súa completa finalización, e suporá un investimento que rolda os 175.000 €.

O obxectivo desta actuación da Xunta é reordenar os espazos e acometer unha reforma integral que permita modernizar e acabar coas deficiencias deste centro de saúde, cuxas instalacións, a día de hoxe, están obsoletas.

Cómpre lembrar que se trata dun equipamento con 44 anos de antigüidade que ocupa un antigo sanatorio, con 1.500 m 2 de superficie construída nun edificio de 4 andares que presenta problemas de accesibilidade, funcionalidade e tamaño nos espazos asistenciais, tanto de consultas como de salas.

Deste xeito, mediante este contrato a Xunta persegue no seu deseño ir máis alá dunha mera reorganización de usos e acometer unha actualización completa que permita adaptar o edificio aos actuais criterios de sostibilidade e eficiencia enerxética. Para iso está prevista a renovación e adecuación do illamento da envolvente exterior, coa renovación e mellora funcional das fachadas e das cubertas, ademais das instalacións.

Tamén se dotará este centro de saúde da Milagrosa dun espazo axeitado para a entrada da ambulancia baixo teito e un lugar para dispoñer de cadeiras de rodas e padiolas á disposición dos pacientes que o necesiten. Ademais, habilitaranse aseos adaptados para persoas con mobilidade reducida. Tamén se levará a cabo unha redistribución de espazos para garantir a prestación sanitaria nas mellores condicións, tanto para os traballadores como para os pacientes.

O obxectivo da Xunta é dotar o centro de saúde da Milagrosa de 6 consultas de medicina xeral e outras tantas de enfermería; 2 salas de docencia; 1 despacho de traballo social; 2 salas polivalentes; 1 sala de técnicas; 1 de urxencias; e 1 de toma de mostras. Tamén se disporá unha área de admisión e zonas para o persoal, mellorando espazos existentes como o de coordinación ou sala de xuntas, e incorporando outros novos, como a sala de estar ou o vestiario.