Skip to main content
Lugo

Avanzan as obras da Calzada da Ponte

Por 23 Xaneiro, 2023Sin comentarios

Continúa o avance das obras de peonalización e humanización da Calzada da Ponte, que comezaron o pasado mes de maio, ata onde se achegaron a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez e o tenente de alcaldesa e responsable de Medio Ambiente, Miguel Fernández.

“Mediante esta actuación melloraremos e humanizaremos este itinerario, polo que pasa o Camiño Primitivo, Patrimonio da Humanidade, e a Vía Romana XIIX”, lembrou a rexedora, que  lembrou tamén que “actuaremos nos pasos inferiores, que rexererán visualmente e dotaranse de maior luz, seguindo criterios de eficiencia enerxética e de xénero; ao tempo que se levará a cabo o soterramento de servizos, a reparación da rede de saneamento, así como a creación de zonas de descanso con parklets urbanos e a instalación de novo alumeado”.

A alcaldesa, acompañada de veciños da zona, atendeu as súas suxerencias, “como xa estivemos facendo este tempo de obras para poder darlles resposta sempre que podemos”. Méndez explicou que “as obras avanzan a bo ritmo e actualmente xa se executaron case o 50% dos traballos previstos, que se están a realizar en tres fases diferentes, debido ás característas da intervención”. A primeira fase comprende o tramo entre a Rúa Santiago e o paso inferior Rolda do Carme; a segunda, o tramo existente entre o paso inferior da Rolda do Carme e o paso inferior N-VI; e a terceira, o tramo desde o paso inferior da N-VI ata a Ponte Romana.

O ámbito de actuación, de 640 metros de lonxitude, abarca a explanada diante da Ponte Romana, a rúa Calzada da Ponte, o acceso desde o enlace da Volta da Viña coa N-VI e os ramais de San Lázaro e de acceso á N-VI, así como o viario cara o Balneario, aínda que non se chegará ata as termas porque Patrimonio da Xunta de Galicia non o autorizou.

Lara Méndez lembrou que se trata dunha “ambiciosa actuación de rexeneración e recuperación dos traxectos e espazos que van desde a Ponte Romana ata a rúa Santiago, unha das zonas máis fermosas da cidade e de maior riqueza patrimonial e histórica xa que coincide na súa totalidade co Camiño Primitivo e parte da Vía Romana XIX”, sostivo.

“Así, esta actuación permitiranos avanzar no noso obxectivo de que Lugo deixe de vivir de costas ao bastión dun envexable patrimonio natural como é o Miño, contribuíndo a mellorar un dos principais accesos ao río e incrementando a lonxitude das sendas peonís e ciclistas para acceder á zona fluvial”, sinalou.

Coa peonalización reducirase o paso de vehículos por este itinerario, reducindo os niveis de contaminación medioambiental e acústico, que axudará á posta en valor desta riqueza patrimonial e mellora da calidade de vida da veciñanza, “sendo unha zona onde de paso de numerosos peregrinos e turistas que visitan a nosa cidade”.

A alcaldesa sinalou, así mesmo, que o estacionamento dos residentes está garantido porque tamén se deixan prazas para as vivendas que non dispoñen de garaxe e, polo tanto, de vao. As obras inclúen diferentes tipos de actuacións como o soterramento daqueles servizos que estean aéreos (iluminación pública, telefonía, baixa tensión), a reparación da rede de saneamento existente, que se atopa en mal estado e presenta diversas fugas e roturas e a demolición de pavimentos na totalidade do ámbito de actuación, que serán substituídos por outros máis adecuados para o tráfico peonil e máis respectuosos co ámbito de protección patrimonial.

En canto a estes pavimentos, definíronse tres tipos diferentes, acordes ao ámbito de aplicación. Así, figura un composto por laxas de pedra de granito silvestre gris ou branco, seleccionado, que se usará en toda a rúa. Outro a base de pedra de granito Rosa Porriño, seleccionado, que se instalará entre a Rúa Santiago e Paso Inferior da Rolda do Carme, para definir as zonas de aparcadoiro para residentes. E un terceiro, de aglomerado asfáltico, para o Ramal de Incorporación desde Calzada da Ponte ao Hostal San Lázaro, no que se repón o firme existente, que se atopa en mal estado.

A mellora dos 2 pasos inferiores existentes (en Ronda do Carme e na N-VI) – cunha grande complexidade técnica – que se rexenerarán visualmente para darlle un aspecto máis respectuoso ao ser Camiño Primitivo, ademais de proceder a dotalos de maior luz, seguindo criterios de eficiencia enerxética e de xénero.

Unha actuación na que se estudou especialmente a mellora da accesibilidade, de maneira que se disporá dun itinerario adaptado á entrada desde a Rúa Santiago e, dado que a pendente media da rúa Calzada da Ponte é moi elevada, realizarase unha actuación de substitución do pavimento actual.

Ademais, repararanse diversas escaleiras de acceso á Calzada da Ponte, en especial as que conectan o lado sur da Rolda do Carme coa Calzada da Ponte, xa que ao estar realizadas en lastro, son causa de filtración de augas de escorrentía aos edificios adxacentes; cambiaranse as varandas peonís que se atopan na parte superior da Rúa Santiago polo modelo da Rolda da Muralla – para harmonizar o conxunto – e instalarase unha escaleira peonil que conecte o barrio de San Lázaro coa Calzada da Ponte, ademais de substituír a que hai actualmente na área de descanso do camiño de acceso ao Balneario que se atopa moi deteriorada.

Levarase a cabo, así mesmo, a humanización de todo o percorrido con zonas axardinadas e mobiliario urbano respectuoso coa entorna patrimonial protexida. Xa na zona a rexenerar da Rúa Santiago, colocarase un parklet urbano, con xardineiras e bancos de granito, incluíndo respaldo e asento en madeira tratada; ademais, instalaranse dous aparcabicis de aceiro galvanizado para 12 prazas e papeleiras.

A obra está enmarcada na estratexia DUSI Muramiñae, financiada ao 80% pola Unión Europea, a través dos fondos FEDER. A estratexia DUSI do Concello, Muramiñae, da Muralla ao Miño, ten como obxectivo integrar a cidade e o entorno fluvial, rompendo a discontinuidade urbana existente de norte a sur e de este a oeste.

Os traballos, foron adxudicados por importe de 1.371.748 euros á empresa Ovisa Pavimentos y Obras, S.L.U., e teñen un prazo máximo de execución de 12 meses.