Skip to main content
Lugo

O Campus Terra analiza a relación entre conflitividade social e lumes forestais

Por 25 Xaneiro, 2023Sin comentarios

Unha tese da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC analiza a relación entre a conflitividade social e os incendios forestais intencionados rexistrados en Galicia entre 1999 e 2014, un período no que se contabilizaron 96.648 lumes provocados.

Na tese titulada Proposta dun índice de risco de incendios integrando a conflitividade como variable explicativa. Aplicación a Galicia Gervasio López distingue dúas unidades espaciais. A primeira é a formada polos 3.326 montes veciñais en man común (MVMC), que ocupan un total de 663.500 hectáreas das que son propietarios algo máis de 118.500 comuneiros, e nas que se rexistraron durante o período de referencia 26.476 incendios intencionados. A segunda unidade territorial contemplada nesta investigación corresponde coas 59 áreas de interese comunitario (ZEC) pertencentes á Rede Natura 2000 e que se estenden sobre algo máis de 374.400 hectáreas (o 43% das ZEC son MVMC), nas que se contabilizaron 9.675 lumes provocados.

Alén da compilación e clasificación de datos relacionados cos episodios incendiarios intencionados, esta investigación de doutoramento permite dispoñer na actualidade de indicadores indirectos de conflitividade, tales como son as novas de prensa ou as sentencias xudiciais, ao tempo que analiza e relaciona as resolucións xudiciais coa
actividade incendiaria nas áreas ZEC e en terreos que son montes veciñais en man común.

Outras das achegas desta tese responden á posibilidade de determinar, de forma obxectiva e a escala de monte, a evolución experimentada pola actividade incendiaria nos terreos de propiedade privada colectiva, tal e como son os montes veciñais, en función do seu nivel de xestión e aproveitamento forestal. De feito, a investigación conclúe que aquelas áreas que teñen máis valor son as que menos arden.

As análises estatísticas compiladas nesta tese de doutoramento indican, sen embargo e en termos xerais, que as áreas ZEC da Rede Natura 2000 non tiveron impacto na redución de incendios nestes territorios, xa que os datos indican que estas áreas de interese comunitario son as máis vulnerables polo lume.

Alén destas consideracións, Gervasio López Rodríguez-Casal inclúe na súa tese de doutoramento a proposta dun método novo apropiado para integrar a análise da conflitividade nos índices de riscos de incendios, unha recomendación que, na súa opinión, pode e debe permitir unha mellor planificación da defensa contra os incendios
en Galicia.