Skip to main content
Lugo

Reforman as urxencias pediátricas e a área de triaxe do HULA

Por 27 Xaneiro, 2023Xaneiro 31st, 2023Sin comentarios

As urxencias pediátricas no Hospital Lucus Augusti de Lugo están sendo reformadas para diferencialas do resto de urxencias médicas e tamén se ampliará a área de triaxe para implementar un segundo posto.  A portavoz de sanidade apuntou que esta actuación nas urxencias pediátricas do HULA, que abarca unha superficie de case 500 metros cadrados, desenvolveuse en tres fases: unha xa está operativa, outra estarao nos vindeiros días e a última prevese o seu remate para finais do vindeiro mes de febreiro.

Por outra banda, o BNG demandou no Parlamento a habilitación dunha sala de agarda digna para as crianzas e familias que agardan nestes servizos de Urxencias Pediátricas do HULA. A deputada por Lugo, Olalla Rodil, declarou que, se ben o BNG non pon obxección ao traslado das Urxencias Pediátricas dentro do hospital, este traslado non pode conlevar situacións como “non atopar espazo nin suficiente nin debidamente acondicionado para agardar a súa quenda”, como ocorreu nos meses de novembro e decembro, coa suba de casos de enfermidades respiratorias en nenos e nenas.

Fronte esta situación, Rodil argumentou que pode haber consenso en todas as forzas políticas en que o feito de masificar e agardar nas Urxencias “non é cómodo en ningún caso pero se falamos de crianzas, bebés en moitos casos, debe e pode habilitarse un espazo co acondicionamento necesario para garantir, na medida das posibilidades, un espazo confortable para as nenas e nenos e quen as acompaña”. É por iso que o BNG emprazou ao Executivo do PP a ofrecer unha zona de agarda digna para familias e nenos e nenas, proposta que acadou a unanimidade na Cámara, coa promesa de cumprirse no prazo dun mes.