Skip to main content
Lugo

Lugo conta xa cunha ruta pola cidade para coñecer o Sistema Solar

Por 27 Xaneiro, 2023Sin comentarios

Xa se pode visitar o paseo polo sistema solar, coa que a tenencia de alcaldía propón unha ruta pola cidade para coñecer os distintos planetas e corpos do sistema solar. Rubén Arroxo estivo acompañado polo concelleiro Felipe Rivas, responsabe da concellería de Educación e Difusión do Coñecemento, ademais da concelleira de Participación, Cristina López, e dun grupo de escolares do IES Muralla Romana que viaxaron en bus urbano ata o comenzo da ruta.

O tenente alcalde afirmou que “esta iniciativa ten un gran potencial tanto para a veciñanza de Lugo e o turismo que se achegue á cidade como para os centros de ensino, que poderán estudar o Sistema Solar dun xeito distinto, seguindo o paseo e vendo as ilustracións de Noemí López”.

Cada un dos 11 paneis do paseo do sistema solar achegan información relevante sobre o sol, os 8 planetas, o cinto de asteroides e Plutón, como o seu tamaño, a cantidade de satélites cos que contan ou os tempos de rotación arredor do sol.

Un Paseo polo Sistema Solar é a terceira intervención deste estilo executada pola tenencia de alcaldía neste mandato. Nos últimos meses habilitáronse zonas de paseo nos barrios da Chanca e da Ponte con distintos paneis recollendo lendas de cada zona. Para este traballo contárase coa ilustración de Noemí López e co traballo de traballo de Antonio Reigosa no eido da investigación da mitoloxía popular e da tradición oral.

“Continuamos a mellorar o espazo público creando zonas de paseo para a veciñanza tal e como fixemos na Chanca e na Ponte”, explicou Rubén Arroxo, que engadiu “neste caso, contamos con 11 paneis informativos sobre os distintos corpos do sistema solar, que se ubicarán mantendo a proporción da distancia real creando unha zona de paseo de 3 km que comezará na Avenida de Fontiñas, continuando por Xosé Castiñeira e rematando na Rolda de Fingoi”.