Skip to main content
Comarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXALugo

Clausúrase o programa ‘Feminino rural’ cunha mostra de produtos e servizos

Por 13 Xaneiro, 2023Xaneiro 14th, 2023Sin comentarios

Celebrouse en Lugo a xornada de clausura do programa Feminino rural, Evolución no que participaron a deputada de Formación, Ensino, e Economía do Coñecemento, Ana González Abelleira, xunto á Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez

Este programa está financiado integramente pola Deputación de Lugo cunha achega de 40.000€ e que desenvolveu a Asociación de Empresarias de Lugo (AELU). O acto, que se celebrou no Mercado Quiroga Ballesteros, serviu de trampolín para dar a coñecer entre o público os produtos e servizos das participantes desta iniciativa, coa que naceron novos negocios e se mellorou a competitividade de empresas asentadas no rural.

Na súa intervención, González Abelleira valorou este programa, que forma parte da estratexia da institución provincial “para fortalecer o tecido produtivo da provincia, neste caso, proxectos empresariais e emprendedores liderados por mulleres no rural” porque “temos claro”, dixo, “que asentar poboación feminina no rural é imprescindible para fixar poboación e manter vivo o noso territorio”. Precisamente, este foi un dos motivos polos que a Deputación impulsou esta iniciativa “coa que chegamos ao maior número de mulleres de todas as comarcas da provincia, conseguindo tal e como demostran os resultados o nacemento de novas empresas e a mellora e consolidación das xa existentes”, explicou.

Pola súa banda, Lara Méndez destacou a importancia de visibilizar o talento das mulleres rurais con este tipo de iniciativas, que aportan “formación, crean sinerxías, experiencias compartidas e unha múltiple reivindicación: o mundo rural, o traballo da muller e o emprendemento, e a innovación como pancas de impulso económico”.

Así mesmo a alcaldesa fixo fincapé no compromiso do Concello para dar impulso ao emprendemento, proporcionando os recursos precisos para que os proxectos sexan solventes, achegando espazos de traballo, tanto físico como virtual –Cei Nodus -, formación ou titorización –coworking-, así como a oportunidade de traballar e relacionarse con iguais poñendo en valor a estratexia Lugo Transforma, pioneira en Galicia no ámbito municipal, coa que “mobilizamos 13 millóns de euros a través da constitución dun fondo público emprendedor para a captación de novos investimentos para a cidade, atraer empresas e crear emprego sostible”, asegurou.

Ao remate do acto, a deputada provincial, a alcaldesa de Lugo e a presidenta de AELU, Anjhara Gómez, visitaron os expositores das participantes no programa Feminino Rural. Evolución para coñecer de primeira man as súas innovacións. O evento ofreceu degustacións, e sorteos de varios lotes de produtos típicos que se repartiron entre o público que pasou polo mercado municipal ao longo de toda mañá deste xoves.

Máis dun cento de mulleres participaron no Feminino rural. Evolución, co que recibiron de maneira gratuíta formación, acompañamento e asesoramento personalizado para mellorar ou lanzar os seus negocios. As accións comezaron no mes de xullo do pasado ano, e desenvolvéronse en dúas fases por todas as comarcas da provincia: A Mariña, Lugo, a Ulloa, a Terra Chá, Sarria, A Montaña e a Ribeira Sacra. A primeira parte incluíu 7 xornadas de traballo, coworking, que serviron de toma de contacto e para a creación de sinerxías entre os establecementos de cada zona, fomentando o intercambio de coñecementos e de experiencias entre empresarias e emprendedoras.

Nunha segunda fase leváronse a cabo accións formativas, entre outras, na implantación de ferramentas tecnolóxicas, estratexias DAFO para mellorar a presenza en redes sociais, ou en venda online. Ademais, as participantes recibiron información tanto en axudas e subvencións, en programas Erasmus de apoio a emprendedoras, como na difusión de boas prácticas no rural. Tamén obtiveron asesoramento en deseño de negocio, como realizar trámites de inicio de actividade, e en estratexias de packaging e matching empresarial.