Skip to main content
Comarca RIBEIRASACRAXA

Interior Galego Vivo denuncia que a Xunta e o Goberno central están “entregando o mundo rural á especulación”

Por 26 Xaneiro, 2023Sin comentarios

As agrupacións de Interior Galego Vivo acusan á Xunta e ao Goberno Central de “favorecer a especulación e o acaparamento de terras” a través da “ofensiva especulativa de fondos de investimento que impulsan parques eólicos, parques fotovoltaicos e sumidoiro de carbono”.

Din que “a desposesión das comunidades rurais e o espolio dos nosos recursos” benefician aos grandes centros urbanos e ao capital estranxeiro “mentres continúa a demotanasia e o baleirado da nosa terra”.

Estas acusacións teñen o seu detonante, como din eles, na publicación no DOG de declaracións de impacto ambiental favorables, que suporán instalar 77 parques eólicos novos no territorio “e sen ter contestado a Xunta as alegacións de Interior Galego Vivo, por exemplo, aos parques eólicos Paradela, Vacaloura ou Maxal”, denuncian.

Así, explican que os 77 parques novos producirán 2000 megavatios que “van repercutir sobre as comunidades locais, deixando de lado os dereitos das comunidades rurais, o benestar animal e do sector primario e a protección do patrimonio natural e cultural”, declaran.

“Entregan o mundo rural á especulación”

Por outra banda, Interior Galego Vivo lamentou que ningún deputado galego votase en contra do Real Decreto Lei 20/2022 de 27 de decembro de medidas de resposta ás consecuencias económicas e sociais da Guerra de Ucraína e de apoio á reconstrución da illa de La Palma e a outras situacións de vulnerabilidade por ser “unha trampa”.

Din que ese decreto exclúe as zonas da Rede Natura 2000, “deixando exposto o 85 % do territorio galego a ser reclasificado de solo rústico a polígonos industriais para a especulación”. Neste sentido, din que “é lamentable que o Goberno incumprise a súa palabra de limitar estas medidas apenas ás zonas de baixa sensibilidade do mapa de zonificación ambiental do MITECO para implantación de renovables, e con proceso de alegacións e publicación no BOE”.

“Tanto o PP na Xunta como o PSOE no Goberno central incumpren o recente regulamento europeo, xa que non hai zonas específicas previas nin avaliación ambiental estratéxica e sáltanse tamén a fase de información da avaliación ambiental. Renuncian á defensa do ben común e dos intereses colectivos e non ordenan o territorio nin protexen a paisaxe, entregando o mundo rural á especulación e a que nos atraveses grandes centrais e liñas de alta tensión nunha burbulla de renovables con especial incidencia no interior galego”, denuncian.

“Os fondos especulativos de investimento estranxeiro saben que o chan no interior galego é barato e que a presión cidadá é moi baixa polo envellecemento e o baleirado poboacional”, comenta, e din que “aínda por riba, PP e PSOE lexislan á súa medida sacrificando os territorios rurais”.

Por último, acusan de que esta situación é “un roubo planificado ás comunidades rurais, xa que deberían ser beneficiarias de todos estes proxectos. Mentres noutros estados europeos entre 25% e 30% dos beneficios son para o territorio, aquí non chega ao 3%”.