Skip to main content
Bóveda

O viveiro forestal dos Trollos de Bóveda contará con máis especies frondosas

Por 12 Xaneiro, 2023Xaneiro 14th, 2023Sin comentarios

Os traballos de mellora do viveiro forestal dos Trollos en Bóveda que comezaron no ano 2022 e que continúan neste 2023 teñen como fin converter o viveiro dos Trollos nun centro referente para a xestión de masas frondosas no sur da provincia de Lugo.

Estas obras, enmarcadas no Plan de recuperación de viveiros, incluído no Plan Forestal de Galicia (PFG) 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”, foron iniciadas pola Xunta de cara a conservar os recursos xenéticos e dispoñer de planta en cantidade, calidade e sanidade.

Así, o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, acompañado do alcade do concello, José Manuel Arias, visitaron os Trollos para inspeccionar os traballos de mellora que se están a desenvolver nas instalacións, onde se aumentarán as especies ripícolas, especies frondosas de zonas atlánticas e frondosas de zonas mediterráneas.

Papel da Administración

A Xunta está investindo no período 2019-2023 arredor de medio millón de euros nestas tarefas e prevé destinar uns 200.000 euros anuais ata 2027 neste mesmo eido da mellora forestal, chegando a un total de 1 millón de euros ao final do período.

Cabe sinalar que a parcela conta cunha superficie de 30 hectáreas, o que favorece a orientación á conservación dos recursos xenéticos.

Actualmente, existe no viveiro un horto de semente de Pinus pinaster coa categoría de Cualificado, un rodal selecto de carballo americano (Quercus rubra), un rodal de Pseudotsuga menziesii coa categoría de identificado, diversas coleccións de frondosas e representación de multitude de especies.

A maiores, Os Trollos conta con edificacións e instalacións nas que se levan a cabo actividades englobadas na educación ambiental. Seguindo esta liña, destinarase a superficie dispoñible no viveiro a avanzar na conservación e mantemento de especies frondosas autóctonas.

Deste xeito, e como indica o Programa de divulgación e comunicación da cultura forestal, os viveiros continuarán sendo lugares axeitados para mostrar o traballo realizado dende a Administración neste eido, mostrando o proceso de produción de planta e as accións relacionadas coa conservación do material forestal reprodutivo.

Eixo I do Plan Forestal

O Eixo I do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica” refírese á contribución do monte galego á conservación da natureza e á prestación doutros servizos ambientais.

Mediante unha rede de parcelas de alto valor xenético e xestión de materiais de base que permitirá asegurar a calidade do material forestal xenético subministrado, fixando como indicador a creación dun total de 20 parcelas no período 2021-2025.

Entre finais do ano 2021 e principios do 2022 quedaron instaladas nos viveiros xestionados pola Comunidade novas parcelas que se encadran no Plan de conservación e mellora xenética forestal.

Estes hortos de semente e coleccións afondan na coordinación entre os viveiros forestais xestionados e o Centro de Sementes da Comunidade Autónoma.