Skip to main content
Folgoso do Courel

Caurel Vivo denuncia empadroamentos irregulares en Folgoso do Courel

Por 4 Xaneiro, 2023Xaneiro 5th, 2023Sin comentarios

O grupo municipal Caurel Vivo denunciou ante a Oficina do Censo Electoral as irregularidades que din levarse a cabo no padrón de habitantes do Concello de Folgoso do Courel. “Vimos comprobando como de maneira reiterada nos últimos meses se están a producir empadroamentos irregulares no noso concello”.

Din que, ao ser un concello pequeno, “é fácil comprobar que moitos destes novos veciños non son tal” porque “non viven de maneira habitual nin manteñen ningún tipo de vínculo con este territorio”.

Segundo os seus datos, máis de 30 persoas están en situación irregular en casas situadas en diferentes localizacións polo Concello.

Por isto, pensan que é “unha manobra política de cara as vindeiras eleccións municipais para as que faltan catro meses” e afirman que “os empadroados son residentes doutros concellos e empadróanse por amizade ou parentesco con persoas vinculadas ao Partido Popular”.

“Queremos recordarlles a tódalas persoas que se están a empadroar de forma irregular, ben sexa por decisión propia ou por algún tipo de presión ou coacción; que está acción é sancionada segundo o Real Decreto 1690/1986”, denuncian desde a plataforma.

Ademais, explican que con este feito están a vulnerar “o dereito que temos como veciños a libre elección política, xa que o empadroamento de xente que non fai vida no territorio desvirtúa a decisión real dos que aquí vivimos no reconto final das eleccións”.

No caso de que estas persoas non volvan ao seu lugar “habitual” e se o INE non actúa, desde Caurel Vivo anuncian que porán unha denuncia no xulgado.