Skip to main content
Monforte

O Concello de Monforte destina 20.000 euros para axudar ás familias vulnerables cos gastos enerxéticos

Por 16 Xaneiro, 2023Xaneiro 17th, 2023Sin comentarios

Os fogares de persoas en situación de risco ou exclusión social contarán con axudas económicas para mellorar a eficiencia enerxética durante 2023, cuxas bases vén de aprobar o Concello de Monforte.

Para o financiamento destas subvencións destinouse un crédito máximo de 20.000 euros, 5.000 euros máis que en 2022, “co obxectivo de apoiar ás familias do municipio de Monforte economicamente máis vulnerables e que presentan dificultades económicas para afrontar os gastos enerxéticos”, destacou o alcalde, José Tomé Roca.

Obxecto das axudas e persoas beneficiarias

O Concello de Monforte de Lemos pon en marcha esta liña de prestacións destinadas a paliar situacións transitorias de necesidade social relacionadas co pagamento de subministracións básicas de enerxía eléctrica, gas, gas oíl calefacción e outras fontes de enerxía da vivenda.

As persoas ou familias beneficiarias son aquelas que se atopen nunha situación de vulnerabilidade social, que teñan a súa residencia no ámbito municipal de Monforte de Lemos, cunha antigüidade mínima e ininterrompida de 6 meses, coa finalidade de asegurar o acceso continuado destas subministracións básicas promovendo a mellora da eficiencia enerxética e reforzando os procesos de inclusión social.

Considérase como situación de risco de exclusión social aquela provocada pola ausencia ou insuficiencia de recursos económicos para afrontar as necesidades básicas da unidade familiar (persoas que viven no mesmo domicilio) e no seu caso a concorrencia doutros factores que ponderados polos servizos sociais comunitarios condicionen negativa e/ou gravemente a inclusión social.

Gastos subvencionables

Os gastos subvencionables a través destas axudas corresponderán á vivenda habitual do solicitante para facer fronte ás facturas de electricidade, de gas natural que estean pendentes de pagamento, para repor o gas oíl para calefacción ou para o subministro de gas para electrodomésticos de cociña, quentador e outro equipamento básico da vivenda para a mesma finalidade.

Tamén serán axudas para outras fontes de enerxía destinada á finalidade destas bases, para facer fronte ás facturas de instalación/reparación de caldeiras ou outros equipamentos que estean pendentes de pagamento e poderán ser obxecto das axudas os custos ocasionados para restablecer os subministros no caso en que se producise o corte destes.

Requisitos

Poderán solicitar e ser beneficiarias destas axudas aquelas persoas ou unidades de convivencia que reúnan os seguintes requisitos:

  • Ser maior de idade ou menor emancipado con menores a cargo.
  • Que o solicitante ou unidade familiar independente solicitante estean empadroados e teñan residencia en Monforte cunha antigüidade mínima e ininterrompida de 6 meses.
  • Acreditar a situación de necesidade social pola que demanda a axuda orixinada pola insuficiencia de ingresos para afrontar os gastos derivados da situación que xustifica a solicitude de axuda.
  • Ter fixada a súa residencia habitual na vivenda para a que solicita a axuda.
  • Ser o titular do contrato da subministración eléctrica ou gas natural e que estea vixente na data de presentación de solicitudes.
  • No caso de ser titular dun contrato de arrendamento, ser o pagador da correspondente factura de subministro da vivenda e non ter coa persoa arrendadora da vivenda alugada relación conxugal ou de parentesco ata o 3o grao nin constituír con aquel unión estable e de convivencia con análoga relación de afectividade conxugal.
  • No caso de subministracións eléctricas e gas natural que teñan facturas impagadas.

Contía e límite da axuda

A contía das axudas determinarase en función do tipo de axuda e da valoración social realizada pola traballadora social de referencia da persoa solicitante e co limite que se establece a continuación:

  • Enerxía eléctrica: ata un máximo de 250 euros ao ano
  • Gas natural: ata un máximo de 250 euros ao ano
  • Gasoil: ata un máximo de 500 euros ao ano
  • Gas butano: ata un máximo de 150 euros ao ano
  • Outras fontes de enerxía: ata un máximo de 350 euros ao ano
  • Instalación ou reparación: ata un máximo de 500 euros ao ano

Con carácter xeral, establécese un máximo dunha solicitude de axuda do mesmo tipo ao ano por unidade de convivencia, agás os supostos en que, por razóns de grave necesidade, técnicamente valorada polos servizos sociais municipais se poida exceptuar esta disposición.

En todo caso, a determinación da contía económica correspondente á axuda solicitadas dentro dos límites sinalados no parágrafo primeiro, efectuarase segundo a adecuación da necesidade valorada e segundo as dispoñibilidades orzamentarias dispoñibles.

Lugar e prazo presentación solicitudes

As solicitudes de axuda cubriranse a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica do Concello, preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar as solicitudes presencialmente en soporte papel no modelo normalizado no rexistro xeral do concello ou no existente no Centro de servizos sociais comunitarios ou en calquera das formas previstas na normativa reguladora do procedemento administrativo.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 22 de decembro de 2023.

Unha vez recibida a solicitude no caso de que non reunise os requisitos esixidos ou faltase calquera documento preceptivo que deba achegar a persoa solicitante, requirirase a esta para que nun prazo de dez días achegue os documentos requiridos ou emende a falta; no caso de non facelo teráselle por desistida da súa solicitude.

Na sección Axudas da páxina web do Concello, na sección de Axudas, está toda a documentación dispoñible para formalizar a solicitude desta subvención.