Skip to main content
O Saviñao

O Miradoiro do Cabo do Mundo do Saviñao foi reformado

Por 8 Xaneiro, 2023Xaneiro 9th, 2023Sin comentarios

A Xunta de Galicia impulsou a reforma do miradoiro do Cabo do Mundo, no municipio do Saviñao, para permitir unha maior inmersión na paisaxe deste punto icónico da Ribeira Sacra.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e o alcalde, Carlos Armesto, comprobaron o resultado da actuación, que consistiu na construción dunha plataforma de madeira que engade unha altura de 5,10 metros sobre a estrutura orixinal.

A obra foi promovida polo Concello do Saviñao e a Consellería do Medio Rural achegou 22.900 euros, preto do 82% do financiamento total, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) e do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Ribeira Sacra Courel.

A nova construción, realizada en madeira laminada, favorece unha visión máis ampla e de maior calidade sobre o meandro do Miño, que é un dos elementos máis recoñecidos da zona. Ao seu carón, un panel informativo explica as rutas de sendeirismo, monumentos e outros puntos de interese que se poden visitar no concello.

O delegado territorial apuntou que os proxectos da medida Leader, cofinanciados cos fondos europeos Feader, teñen a vantaxe de estar pegados ás necesidades locais, porque son iniciativas que xorden dos concellos, entidades ou mesmo emprendedores e que se  seleccionan nese mesmo ámbito local mediante un amplo proceso participativo que involucra a axentes privados e públicos.