Skip to main content
Sober

Sober contará con 150.000 euros para mellorar o espazo público de Lobios e da Cima da Lama

Por 17 Xaneiro, 2023Xaneiro 18th, 2023Sin comentarios

Tras o convenio de colaboración asinado o pasado mes de novembro entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello de Sober, levaranse a cabo traballos de urbanización nunha área de 1.762 metros cadrados nos lugares de Lobios e Cima da Lama que contarán con 150.000 euros para mellorar o espazo público que conecta coa igrexa parroquial de San Xiao de Lobios, en Sober.

Concretamente, o proxecto renovará o espazo público que leva á igrexa de San Xiao mediante a recuperación do campo da festa, a creación de catro prazas de aparcamento, a instalación de mobiliario urbano e a habilitación dun paso de peóns sobre a estrada para conectalo coa capela.

Ademais, na porta do adro da igrexa está previsto crear unha praza cun banco e iluminación. Tamén se intervirá na contorna do cruceiro, onde se planea introducir unha nova pavimentación, instalar unha luminaria e un banco, e no emprazamento dos contedores de lixo para introducir un elemento de madeira que diminúa o impacto visual.

Plan Hurbe

A obra acometerase ao abeiro do chamado plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego en 2010 co fin de axudar ás administracións locais a financiar este tipo de proxectos municipais que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza.

Desde entón, mobilizáronse ao redor de 163 millóns de euros para o financiamento de máis de 400 iniciativas urbanísticas en decenas de concellos galegos co fin de habilitar ou recuperar equipamentos públicos e poñer en valor as súas contornas urbanas.

De feito, só na provincia de Lugo foron comprometidas ou executadas desde entón ao abeiro deste programa un total de 85 actuacións, incluída a que se acaba de licitar no concello de Sober.

A Xunta destinará 8,6 millóns de euros este ano a seguir apoiando ás entidades locais galegas na execución deste tipo de obras, un 23 % máis que o orzamento reservado a tal fin en 2022.