Skip to main content
Sober

A exposición ‘Inmarcesibles’ da área de Servizos Sociais de Sober busca mostrar corpos reais de mulleres

Por 27 Xaneiro, 2023Xaneiro 28th, 2023Sin comentarios

As traballadoras sociais Patricia González Vidal e Ana de la Torre Alvaredo da área de Servizos Sociais de Sober promoveron este ano a exposición fotográfica ‘Inmarcesibles’, unha composición de 19 fotos de mulleres reais, cuxo título significa “nunca vai marchitar”.

Esta iniciativa xorde da vontade por mostrar a naturalidade de corpo feminino, que “por culpa das redes sociais e da sociedade, cada vez se está poñendo máis en tela de xuízo a beleza dos corpos”, explica Patricia.

As promotoras da idea puxérona en marcha aproveitando que cada ano contan cunha subvención para organizar actividades en contra da Violencia de Xénero e teñen que invertilos en nome do Concello. O ano pasado realizaron un vídeo audiovisual chamado Nosoutras.

Este ano, tanto Patricia como Ana pensaron que facer e decidiron propoñer ás cidadás que quixeran, que enviasen fotos dos seus corpos, sobre todo mostrando aqueles “defectos”, considerados así pola sociedade e “desafiando, desa maneira, o canon de beleza establecido”.

O obxectivo é que as mulleres “vexan os seus corpos e se sintan cómodas, mentres din “basta” a que nos ordenen como debemos ser, que temos que tapar, como debemos ir maquilladas, vestidas, se temos que estar depiladas…”, defendeu Patricia.

A exposición xa percorreu varios municipios de Galicia, como Sober, Pantón, Sarria, Pobra do Brollón, Bóveda, Chantada, Agolada, Esgos, Xunqueira de Espadañedo, Aguiar e agora tócalle Bóveda.