Skip to main content
Samos

O PP de Samos pídelle ao concello que numere os edificios da Avenida de Compostela

Por 22 Xaneiro, 2023Febreiro 23rd, 2023Sin comentarios

José Fernández, portavoz do PP no Concello de Samos, defenderá unha moción na próxima sesión plenaria para que a corporación encargue un informe técnico que determine como levar a cabo a revisión, renovación e regularización da numeración dos edificios da Avenida de Compostela, e, á vista do mesmo, executar os traballos necesarios para tal fin.

Fernández sinala que “a correcta identificación dos predios urbanos, mediante a correspondente numeración, constitúe unha cuestión de capital importancia a múltiples efectos”. Considera que na Avenida de Compostela, na vila de Samos, a numeración dos edificios, e tamén a dos terreos sen edificar que dan fronte a esta rúa, “é un caos total, polo menos nunha das marxes”.

A vista da actual situación, entende que “é preciso acometer a necesaria reordenación, de modo que siga a normal correlación; deste xeito, evitaranse moitos problemas tanto no presente como no futuro”, explicou.

O portavoz popular toma prestadas as palabras recollidas nunha das ordenanzas municipais en vigor en España, para indicar que coa adecuada numeración “dáse seguridade e axilidade na localización de inmobles no termo municipal, o cal serve para múltiples actos da vida cidadá”.