Skip to main content
Sarria

Brais Pereiro Chaos, de OTA: “Atendemos ás necesidades dos clientes para mellorar e habilitar as súas vivendas”

Por 15 Xaneiro, 2023Xaneiro 17th, 2023Sin comentarios

Falamos con Xose Brais Pereiro Chaos, aparellador e director da Oficina Técnica de Arquitectura (OTA) de Sarria.

Cantos anos levas en activo?

Imos para 10 anos xa no sector. Estamos constantemente aprendendo e adaptándonos ás circunstancias do mercado e do sector, que non son sinxelas.

Como xorde a idea de montar a OTA?

Pois a maior parte da idea veu por parte do meu avó porque cando eu era pequeno, el dedicábase a temas de construción. Desta maneira, eu sempre tiven fixación pola arquitectura e unha cousa levou á outra. Ao final fixemos a OTA, que son as iniciais de Oficina Técnica Arquitectura e xuntei as iniciais mediante formas xeométricas que representan unha cuberta.

Sempre tiveches claro que querías dedicarte a isto?

Si, sempre. Dubidei se en Sarria ou noutro sitio, pero teño toda a familia aquí e os galegos somos arraigados, entón non o pensei demasiado. Ademais, aquí en Sarria axudámonos, botámonos un cable os uns aos outros.

Como é traballar no ámbito da arquitectura en Sarria?

En Sarria temos que dar un paso adiante na normativa urbanística. Temos as Normas Subsidiarias do ano 1986, polo que xa vai sendo hora de entrar no Plan Xeral de Ordenación Municipal, porque nos evita moitas problemáticas.

“Prestamos todo tipo de servizos e abarcamos todo o sector desde a oficina”

 

Que servizos prestais á xente?

Facemos de todo. Hoxe en día no sector non podes especializarte en nada, xa que a construción é un campo moi amplo. Só podes especializarte máis en dirección de execución material de obra, que a min persoalmente é o que máis me gusta e o que me levou a estudar arquitectura técnica.

Aínda así, temos que facer de todo, porque unha obra inclúe desde informes, certificacións, inspeccións técnicas, proxectos, proxectos técnicos, valoracións, direccións de execución de obra, coordinación de seguridade en saúde en obras de execución, levantamentos topográficos…

Abarcamos todo o sector desde a oficina porque é o que require o sector. Se ti vas facer unha casa, necesitas un levantamento topográfico, unha normativa urbanística, un proxecto, unha dirección de execución, unha coordinación de seguridade… Entón, vai todo enlazado.

Por iso tamén traballamos conxuntamente con topógrafos, urbanistas, calculistas, arquitectos, etc. Todo tipo de profesionais do sector.

Calquera persoa pode demandar algún dos vosos servizos?

Si, na oficina a maioría dos traballos, a parte das construtoras contratistas, son peticións particulares. De feito, aínda que levemos de todo, o que máis levamos son direccións de obra e direccións de execución en toda a provincia de Lugo, a maioría destes traballos, e algúns en toda España.

“O trato cos clientes é moi próximo porque a xente vén con ilusión”

 

Como é o trato cos clientes?

Moi próximo. Temos un trato persoal desde o inicio da idea, durante o proceso de desenvolvemento e ata que a ves plasmada e executada, o que é a vivenda, na parcela. Entón, é un trato moi próximo e en contacto constante porque a persoa vén coa idea de construír unha vivenda ou rehabilitala coa maior inversión da súa vida. Vén con moita ilusión.

Dos servizos que tedes, o máis demandado é construír ou rehabilitar unha vivenda?

Si, na oficina si, o máis demandado é a dirección de execución. Tamén temos informes e certificacións todos os días, pero hoxe en día o máis demandado desde a oficina é o que ten que ver coa vivenda unifamiliar, xa sexa para reformas, rehabilitacións, ampliacións…

Por outra banda, outros dos servizos máis demandados son temas de terreos, catastrais, que teñen que ver con actas de deslindes, verificacións de que a parcela ten a forma xeométrica e metros que se corresponden coa realidade no catastro… Todo este tipo de problemática, que é moi amplo.

Cambiou a forma de traballo tras a pandemia?

Non. Notamos quizais que a xente se interesa máis por vivendas unifamiliares con parcela. Cada vez queren máis unha casiña que un piso. E no sector da moblaxe e pintura aumentaron as vendas.

As persoas cada vez amosan máis interese pola mellora de espazos nas vivendas. Tamén o notastes na OTA?

Si, todo o tema de melloras, reformas, reacondicionamentos… aumentaron. Pero de carácter menor, porque a xente para facer iso non adoita necesitar o técnico de aparellador. Pero si que é verdade que a xente amosa ese interese por mellorar as súas vivendas, aínda que non é un tema de pandemia.

A normativa, cada vez máis, obriga a incorporar mellores condicións lumínicas á vivenda, maior habitabilidade, maior confort en canto a instalacións… Entón, a xente vaise adaptando aos poucos ao que esixe a normativa, e as vivendas cada vez estarán mellor climatizadas, con máis luz, mellor ventilación…

Non é que a xente pola pandemia cambiase, é que o sector vai enfocado nesa dirección.

“O sector vai cara unha tendencia na que predomina a habitabilidade”

 

Que novidades se están experimentando no sector?

A tendencia e as evolucións do sector van na dirección da eficiencia enerxética totalmente.

Hai unha serie de datos que recollen que o 80% das vivendas en España son ineficientes enerxeticamente, polo que hai un gran labor por facer aí.

Estas vivendas teñen unhas cualificacións das tres últimas: E, F e G, en edificacións existentes. Nas novas non. Nas novas xa atallamos esta problemática porque a normativa, o Código Técnico de Edificación, esixe que haxa un illamento envolvente de fachada e unha serie de cálculos de transmitancia térmica que xa vas atallando.

Ademais, as instalacións cada vez son máis eficientes e hai novidades: a xeotermia e a aerotermia, que nos axudan a baixar o consumo da propia vivenda e ser máis autosostibles. E iso é cara a onde vai o sector: a mellorar a habilitabilidade.

Os estudos indican que ao longo prazo estas medidas de mellora enerxética que, ao principio parecen caras, axudan a aforrar cartos.

Si, sen dúbida. Depende das instalacións que vaias combinar na vivenda cos illamentos; pero ao final sacas unhas prestacións térmicas que, ao cabo dos anos, son rendibles na súa totalidade e aforras na factura.

Desde aquí levades as subvencións ás que se poden acoller particulares e empresas?

Si. Se á oficina entra un cliente que queira habilitar a súa vivenda e queira acollerse a unha subvención, nós, en función do que queira facer, adaptámonos da mellor maneira para encaixar a idea no marco da subvención, xa que cada subvención leva un procedemento e unhas caracteristicas subvencionables. Cada ano saen subvencións novas nas que nos temos que encaixar dunha maneira.

Por exemplo, para temas de accesibilidade, que é algo moi importante e o mercado o pide, eliminar barreiras arquitectónicas en edificacións existentes e instalacións de ascensores son as máis recurrentes, porque nas comunidades de propietarios a xente faise vella e, sen ascensor, subir as escaleiras é complicado.

Estamos a sacar moito proxecto de mellora de accesibilidade en edificación existente.

“Os particulares que queiran poden achegarse a preguntar sobre subvencións”

 

Como é Sarria a nivel accesibilidade?

Sarria ten toda a infraestrutura pública adaptada mediante plataformas para salvar escaleiras e con ascensores. Pero en temas particulares, está como en todos os municipios: as edificacións novas teñen ascensor, pero as que foron edificadas nos anos 80 e 90 rexíronse pola moda de poñer na entrada cinco ou seis escaleiras e logo o ascensor, que se salva cun salva escaleiras. Nas que non hai ascensor, hai que meter o ascensor no oco de escaleira ou senón en fachada. E iso é subvencionable.

Os particulares que queiran poden achegarse aquí para preguntar sobre subvencións.

Cambiando de termo, como vos adaptastes á contorna dixital?

Eu son novo e teño facilidade de adaptación. É certo que hoxe en día calquera ferramenta que utilices para cálculo de estrutura, para debuxo paramétrico, para formulacións topográficas… é todo mediante un ordenador. A fase de proxectado da vivenda é nun 100%, hoxe en día, dixital. Antes debuxábase.

Na oficina non temos ningún problema co ámbito dixital e ao saír da oficina o proxecto está impreso en papel, entón aí non hai ningún contacto co que son as tecnoloxías informáticas. Chega o formato impreso visado a obra e a partir de aí non hai ningunha ferramenta informática.

Se vas facer un levantamento ou un reformulación topográfica, tes que ir cunha estación total robotizada e demais, pero xa o topógrafo se encarga desa tarefa. Temas de albañilería e en execución de obra non se necesita a informática.

O que si é certo é que preocupa que non haxa substitución xeracional. Non é que sexa unha cousa preocupante agora, pero si no futuro. Porque non ves a xente nova no sector. Nin carpinteiros novos, nin fontaneiros, nin ningún tipo de oficio. Nuns anos vai ser difícil atopar xente e que sexa cualificada.

“Non hai xente nova traballando no sector e no futuro será algo preocupante”

Que lle dirías ás novas xeracións para que apostasen por esta profesión?

A vivenda é o que nos organiza a vida. A arquitectura e o urbanismo son fundamentais na vida, é onde vivimos, e as oficinas, onde traballamos.

Traballo vai haber porque sempre se vai construír, pero fan falta todos os oficios. E canto máis cualificados, mellor, porque así o sector avanzará e será bo para técnicos e non técnicos, particulares e empresas, con maior profesionalidade.

Que proxectos futuros se marca OTA?

Seguir tomando o pulso ao mal sector e ao mercado, manterse na liña da actualidade e o que vaia requirindo o sector para evolucionar, medrar e adaptarnos ás circunstancias.

Imos manternos na provincia de Lugo, xa que o 90% dos nosos traballos son aquí, e se sae algún traballo noutra parte de España, tamén, pero non pretendemos saír de España.